As mocións centraban a orde do día da sesión plenaria celebrada pola Corporación barquense na tarde do 8 de maio, na que, a parte delas só había outro punto da orde do día: un ditame da Comisión de Contas sobre o recoñecemento extraxudicial de crédito por importe líquido de 306,62 euros e indemnizacións por razón do servizo do persoal do Concello e de cargos electos por gastos efectivos ocasionados no exercicio do cargo (por importe de 1.939,69 euros).
A primeira da mocións en expoñerse era unha presentada polo grupo municipal do BNG na que pedía o “mantemento do Salgueiral e marxe dereita do río” Sil. Era o concelleiro nacionalista Xavier Rocha quen defendía esta iniciativa na que se expoñía que “nos últimos 20 anos o estado da área deteriorouse notablemente dando unha sensación de abandono: merendeiros con maleza e en mal estado, un estanque en desuso, bancos vellos e/ou rotos, dous areeiros de fútbol e vólei praia inutilizables, camiños en mal estado, etc.”.
Por outra banda, Rocha explicaba que “na marxe dereita do río Sil, dende a pasarela ata as piscinas, tamén necesita mantemento: bancos deteriorados, un merendeiro en desuso que acumula lixo, especialmente nos meses de verán e sobre todo un problema as fins de semana na entrada por Abdón Blanco, onde é frecuente atopar restos de cristais, restos de droga, feces humanas, etc.”. Neste senso, na moción o BNG propoñía unha serie de actuacións de cara a mellorar estas zonas verdes.
A iniciativa lograba o respaldo do grupo municipal do PP, cuxo concelleiro, José Luis Tamayo se manifestaba de acordo co mantemento e conservación destas zonas. Porén, o grupo socialista, a través do seu voceiro Aurentino Alonso, manifestaba o seu voto en contra á moción ao considerar que iso xa entraría dentro do proxecto de recuperación do Salgueiral que se pretende levar a cabo coa Confederació Hidrográfica do Miño-Sil, e, no relativo á marxe dereita do Sil, aseguraba que “hai un mantemento e unha limpeza continua en primavera e verán dese espazo, a marxe dereita está atendida adecuadamente”.
Dese xeito a moción resultaba rexeitada, ao votar en contra os 9 edís do PSdeG-PSOE fronte aos 4 favor do PP (ao faltar un dos concelleiros á sesión) e do BNG a favor da mesma.
A que si saía adiante, por unanimidade, era outra moción presentada polo BNG sobre “os riscos e graves danos que están sufrindo os animais domésticos e das entidade gandeiras pola aplicación abusiva do Real Decreto 666/2023, do 28 de xullo (RD 666/2023)”.
Tamén saía adiante, aínda que coa abstención do PP, a moción presentada polo PSdeG-PSOE para pedir a creación dunha unidade especializada de enfermidades pulmonares ocupacionais no Hospital Público de Valdeorras. Na votación os concelleiros socialistas e os do BNG votaban a favor.
Por outra banda, o PP presentaba tamén dúas iniciativas no pleno, unha delas, defendida pola concelleira Maite Estévez, para pedir ao goberno central o incremento do número de prazas MIR. Os populares lograban o apoio do PSdeG-PSOE ao aceptarlle unha emenda na que se modificaba o acordo, que quedaba do seguinte xeito:
“Instar o Goberno de España a que continúe a aumentar o numero de prazas de médicos MIR nas diferentes especialidades sanitarias” e “solicitar ao Goberno Central que continúe a adoptar as medidas para fomentar a formación de especialistas nas áreas con maior necesidade de persoal sanitario”.
Por contra o BNG, votaba en contra ao non terse en conta outra emenda á moción presentada por esta formación na que se pedía que tamén se tivera en conta que Galicia ten transferidas as competencias en Sanidade co Sergas.
A segunda moción presentaba polo PP referíase ao “financiamento do sistema de atención á dependencia” e era exposta pola concelleira Dosinda Arias e o seu acordo plantexaba os seguintes puntos:
“O Pleno Municipal insta ao Goberno Central a: 1. Presentar dunha memoria económica concreta na que se avalíe e determine o custo da modificación da Lei de Dependencia.
2. Atender as suxestións feitas pola Administración autonómica galega a este cambio normativo que considere as peculiares circunstancias da realidade social e demográfica de Galicia.
3. Cumprir co cofinanciamento do 50% da Lei de dependencia para que a participación da Xunta de Galicia e do Goberno Central sexa equitativa.
4. Saldar a débeda acumulada coa nosa Comunidade en materia de dependencia, que ascende a máis de 2.500 millóns de euros, para así poder achegar máis recursos ás persoas dependentes que o requiren.
5. Dar traslado deste acordo tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030”.
A moción saia adiante cos votos a favor do PP e do BNG e pola abstención do partido socialista.
Streaming do pleno
Esta era ademais a segunda sesión plenaria do Barco na que funcionaba o sistema de gravación e retransmisión por streaming, a través da canle de youtube do Concello, do pleno. A primeira, que se facía de forma piloto, era a sesión de abril.
Fotos: A.R.