OurenseÚltima hora

A nova base da BRIF de Laza suporá un “salto cualitativo no operativo de prevención e loita contra os lumes forestais en Galicia”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitaba esta mañás obras desta nova instalación

 

A nova base da BRIF que o Goberno está a construír nesta localidade suporá “un salto cualitativo no operativo de prevención e loita contra os lumes forestais en Galicia”. Así o sinalaba o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, na visita que facía hoxe a Laza para supervisar a execución desta nova base na que o Ministerio para a Transición Ecolóxica inviste preto de 5,8 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Alí estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o alcalde de Laza, José Ramón Barreal, e o xefe da Unidade Territorial de Tragsa en Galicia, Manuel Villarroel.

Con este proxecto, que executa o Goberno a través da empresa pública Tragsa, Laza contará cunha das bases de prevención e extinción de incendios forestais máis avanzadas e modernas de España. A actuación comezou a executarse en agosto do ano pasado e deberá estar finalizada antes do verán de 2026. Mentres duren as obras, o persoal ocupará unhas instalacións provisionais que están a ser ultimadas nestes momentos.

 

 

A nova base contará cun edificio no que se situarán as dependencias necesarias para cubrir todas as necesidades da plantilla (formación, descanso, xestión administrativa e de operacións) estando dotada ademais de almacéns exteriores, un comedor exterior con cuberta e aparcadoiros. No que respecta á zona aérea, mellorarase a pista dotándoa de novos sistemas de seguridade.

Pedro Blanco reuniuse con integrantes desta unidade altamente especializada quen lle informaron da súa actividade ao longo do ano. O delegado puxo en valor a alta cualificación que teñen estas brigadas, que forman parte dos medios estatais que pon o Goberno a disposición das autonomías para a loita contra o lume. Tamén valorou o impacto positivo das BRIF sobre o territorio “en dinamización económica, en postos de traballos directos e tamén na conservación dos recursos forestais que son fonte de recursos económicos para toda a zona”, engadiu. A este impacto, engadiu o convencemento de que a mellora da base de Laza “terá un efecto dinamizador na comarca”.

Sobre o persoal destinado a esta base, que suma máis 50 persoas, destacou a súa capacitación e experiencia, que suma xa 20 anos de loita contra o lume. Tamén recoñeceu outros servizos, que van máis aló do dispositivo contra incendios. Entre estes, o delegado destacou o seu traballo nas zonas afectadas pola DINA en Valencia, onde un amplo grupo de traballadores da BRIF de Laza estiveron colaborando nas tarefas de limpeza a atención humanitaria dentro do equipo de 300 membros das BRIF de toda España desprazado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O delegado confirmou que o Gobierno “traballa xa na preparación do dispositivo para o próximo verán, no que, como todos os anos, despregaremos medios e persoal de distintos ministerios para dar seguridade nos montes galegos”, colaborando co dispositivo da Comunidade Autónoma.

Back to top button