
A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia celebraba este mércores un encontro nunha das leiras amparadas pola IXP para visibilizar a recollida da nova colleita de Pataca de Galicia certificada, que se está desenvolvendo durante estas semanas nas diferentes zonas produtoras.
O presidente da IXP Pataca de Galicia, José Manuel Gómez, acompañado por membros do consello regulador e representantes do sector, participará neste encontro a pé de campo, coincidindo cun dos momentos máis importantes do ano para produtores, almacenistas e o conxunto de operadores vinculados á Pataca de Galicia.
A recollida marca a chegada ao mercado dunha nova colleita dun dos produtos máis representativos do sector agroalimentario galego. A Pataca de Galicia amparada pola IXP está sometida os requisitos e controis establecidos polo Consello Regulador, garantindo ao consumidor a súa orixe, rastrexabilidade e cumprimento dos estándares establecidos pola Indicación Xeográfica Protexida.

A nova colleita comeza a chegar aos consumidores
Co avance da recollida, a Pataca de Galicia certificada da nova colleita comeza xa a estar dispoñible nos puntos de venda. Durante as próximas semanas a súa presenza irá aumentando progresivamente en grandes superficies, supermercados, tendas e establecementos de alimentación, así como a través das canles de venda en liña, permitindo que os consumidores poidan acceder á nova colleita tanto en Galicia como no resto de España.
Desde a IXP Pataca de Galicia lémbrase a importancia de “identificar correctamente o produto certificado no momento da compra, prestando atención á etiquetaxe e aos elementos identificativos da Indicación Xeográfica Protexida. Estes distintivos permiten ao consumidor recoñecer a auténtica Pataca de Galicia e coñecer a orixe do produto que está a adquirir”.
O avance da campaña supón tamén o resultado do traballo desenvolvido durante todo o ciclo de cultivo por agricultores, almacenistas e operadores rexistrados, que forman parte dunha cadea orientada a garantir a calidade, a rastrexabilidade e a orixe da pataca certificada.
A IXP Pataca de Galicia afronta así unha nova campaña co obxectivo de “continuar protexendo e poñendo en valor a Pataca de Galicia certificada, reforzar o seu recoñecemento entre os consumidores e ampliar a súa presenza nas diferentes canles de comercialización”.
Fotos: IXP Pataca de Galicia.