A Ribeira Sacra era visitada ao longo do 2024 por 161.440 viaxeiros, o que supón un incremento de case o 21% con respecto a 2023. Así o destacaba esta mañá na visita á nova Oficina turística de Parada de Sil o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Botando man dos últimos feitos públicos esta mesma mañá polo Instituto Nacional de Estatística (INE), tamén destacaba que, “sobre todo, hai que resaltar o incremento de turistas estranxeiros, un 45% máis. Son visitantes que valoran especialmente o patrimonio e a natureza e que gastan máis. Un visitante estranxeiro adoita gastar unha media de 130 euros diarios”.
Así mesmo, apuntaba que “o segmento hoteleiro da Ribeira Sacra rexistrou máis de 305 mil noites, cifra que se sitúa como máximo da serie histórica”. Isto fixo que a rendibilidade hoteleira medrase nesta zona o 12% en 2024. En total, Galicia recibiu a visita de 8 millóns de viaxeiros en 2024″.
Merelles achegábase á nova oficina de turismo de Parada de Sil, situada nas dependencias municipais remodeladas no último ano grazas a unha achega de Turismo de Galicia de 50.000 euros que cubriu case a totalidade da actuación, en total 50.287,82 euros.
Durante a súa visita ás instalacións, na que estivo acompañado polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, entre outras autoridades como o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández; poñía en valor este tipo de servizos así como o persoal que o atende e que contribúe a que a actividade turística sexa cada vez máis importante para o desenvolvemento económico do territorio.
Oficina de turismo
A obra realizada nas antigas dependencias municipais de Parada de Sil destinadas a arquivo permite ofrecer unha atención máis eficiente aos visitantes que chegan a esta zona da Ribeira Sacra, un destino en crecemento que destaca polo seu patrimonio natural e cultural.
Durante a visita ás instalacións, Xosé Merelles felicitou ao alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, polo esforzo que está a facer este concello pola promoción turística da zona. Parada de Sil é o único concello ourensán pertencente á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes que posúe, ademais, o distintivo Q de Calidade Turística. Este Concello impulsou esta actuación como parte da súa estratexia para reforzar o sector turístico local e leva anos promovendo a sostibilidade.
“Dentro dos parámetros de sostibilidade, de respecto á natureza e de convivencia entre a actividade turística, entre os que nos visitan e a cidadanía, teño que felicitarvos por apostar pola mellora constante da actividade turística e pola promoción do turismo do concello e aí están os exemplos: estar dentro da rede de destinos intelixentes, apostar pola calidade a través sistema Sicted ou pola iniciativa de lanzadeira de buses ao Mosteiro de Santa Cristina. Parabéns tamén por tratar de ter esa oferta complementaria ao longo de todo o ano. Cada vez veñen máis visitantes ao longo de todo o ano e iso é o que temos que fomentar. E esta actitude cara o turismo”, dicía Merelles.
Ademais, o director de Turismo de Galicia comentaba que “a Ribeira Sacra constitúe un todo que agora é un dos exemplos de como ten que ser o futuro turístico de Galicia e cun traballo no que todas as institucións están presentes: concellos, as dúas deputacións (Ourense e Lugo), e por suposto a Xunta de Galicia para traballar e para conseguir ese premio tan merecido é o de ser Patrimonio Mundial”.
Finalmente, Merelles incidía no labor do Consorcio de Turismo da Ribeira, “cuxa xerente hai que felicitar polo seu traballo, e mesmo a outras entidades como pode ser o GDR e o Xeodestino. Ao ser un xeodestino moi amplo fai achegas para que este agora mesmo sexa o Xeodestino máis importante de Galicia e un dos máis importantes de España, tendo en conta que agora mesmo España é o país máis desenvolvido turisticamente e que vai ser probablemente o primeiro país do mundo en recepción de turistas, está preto dos cen millóns”.
E animaba “a seguir traballando e para nós a posta en funcionamento desta oficina é un orgullo porque está nesta contorna rural e porque o Concello valora o que significa o turismo para os seus veciños e para o propio municipio e porque falamos dun turismo respectuoso no que convivan visitantes e cidadáns e no que se poida encontrar cómodos”.
Aquilino Domínguez: “Este concello que aposta polo turismo como dinamizador”
No acto interviña tamén o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, quen agradecía a presenza das distintas autoridades na inauguración da nova oficina, cunha mención especial ao “noso equipo de informadores e técnicos de turismo, e ao concelleiro de Cultura e Turismo, Paco Magide, sen eles non sería posible”.
O rexedor sinalaba que “para min é un orgullo que este Concello coa axuda da Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia poda hoxe inaugurar esta oficina pola que levamos traballando moitos anos e agora se converteu en realidade. É a oficina que Parada de Sil no corazón da Ribeira Sacra merece. Quero salientar que esa oficina é moi importante nun concello que aposta polo turismo como dinamizador da actividade económica e creador de emprego e que conta ó longo do ano con máis de 40.000 visitas, que agora poderán ser mellor atendidas. En segundo lugar é moi importante porque nos permite volver a por en funcionamento a biblioteca, que estivo funcionando baixo mínimos por estar ocupada en grande parte por a oficina de Turismo, así que grazas director”.
Así mesmo o alcalde de Parada de Sil facía un repaso polas actuación desenvolvidas dende o Concello desenvolver as posibilidades do turismo como actividade no municipio. “Levamos dende o 2007 pondo en valor o enorme patrimonio paisaxístico ao que procuramos coidar (o Castiñeiro Singular de Entrambosríos, o libro de árbores senlleiras que está no prelo e que recolle máis de 40 árbores de distintas especies, as rutas de sendeirismo, os miradoiros nomeadamente Os Balcóns de Madrid ou Torgás, a pasarela do Mao, hoxe unha icona da Ribeira Sacra, entre outros). Tamén traballamos arreo para pór en valor o Patrimonio Cultural como a necróple de San Vítor de Barxacoba, para a que temos un proxecto de 3D de xeito ue os visitantes que así o desexen dado as dificultades de acceso, poidan velo nesta sala como se estivesen alí, o xacemento do bronce de Os Castrullos, a Fábrica da Luz, a Casa do Chocolate que acaba de ser recoñecido pola xunta de Galicia como Espazo Museístico casa de Chocolate (único en Galicia) e o noso buque insignia de atracción dos visitantes: O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, o que esperamos que este ano a Xunta de Galicia leve a luz eléctrica”.
Aquilino Domínguez concluía adiantando que a intención do Concello é continuar nesta liña porque “aínda quedan moitos elementos que pór en valor e quero rematar dicindo que a nosa teima é combinar o crecemento de visitantes sen que perdan calidade de vida os nosos veciños e isto só é posible coa colaboración das distintas administracións e coa colaboración de emprendedores e veciños”.
Fotos e vídeo: O SIL.