A obra “Territorios de Liberdade”, dirixida por Quico Cadaval, poderá verse este venres no Teatro Lauro Olmo do Barco. Trátase dun proxecto desenvolvido polas compañías “Certa-Varazim Teatro”, de Póvoa de Varzim (Portugal), e a compañía galega Tanxarina, co apoio do Centro Dramático Galego. Dirixida ao público adulto, a representación comeza ás 21,00 horas.
Con texto de Zé Paredes e dirección de Quico Cadaval, a obra conduce ao espectador por algúns episodios da historia portuguesa nos que a liberdade se forxou, e outros nos que case desaparece.
“Territorios de Liberdade” explora o “concepto de liberdade a través de diferentes etapas da vida e contextos históricos, especialmente conmemorando os 50 anos da Revolución dos Caraveis en Portugal. A obra investiga como a liberdade se entende e vive en diferentes momentos e lugares, desde a infancia ata a vellez, e como este concepto transfórmase ao longo da historia. Utiliza a participación do público e a reflexión sobre a palabra “liberdade” para xerar unha experiencia teatral que convida á reflexión sobre este valor fundamental”, segundo informa a Concellería de Cultura do Barco.
A montaxe non se centra nun evento específico, senón no concepto de liberdade en si mesmo, explorando como se percibe e vive en diferentes etapas da vida e en diferentes contextos históricos e culturais. Utilízase a participación do público a través de preguntas e conversas para xerar unha experiencia teatral máis interactiva e reflexiva.
Este peza convida á reflexión sobre o significado da liberdade e a súa importancia na sociedade, ofrecendo unha viaxe emocional e reflexiva para o público. As entradas, cun prezo de 5 euros, poden adquirirse de xeito anticipado na tenda de Ton y Son, e desde unha hora antes na billeteira do teatro