ConcellosÚltima hora

A odisea de viaxar en tren entre a cidade de Ourense e Valdeorras

Unha avaría no Alvia á saída de Ourense implicaba esta mañá demoras e obrigaba a seguir viaxe en autobús

 

Non é unha viaxe longa, nin aparentemente complexa, pero coller o tren para trasladarse da cidade de Ourense á Rúa pode converterse nunha odisea. E así lle acontecía neste venres festivo de 6 de decembro a un valdeorrés.

Pouco despois de saír da estación de ferrocarril de Ourense, ás 9:30h., o Alvia que vai a Barcelona detíñase, ante a sorpresa dos viaxeiros, entre os que estaba un rues, que ían nel. “Polo que nos dixeron foi unha incidencia técnica nos equipos de tracción e que estaban traballando nela. Ao parecer o tren quedou sen electricidade, nin sequera sairamos da cidade de Ourense”, conta este valdeorrés. E así estiveron, detidos na vía, durante hora e media.

 

 

Despois, os viaxeiros recibían outra mensaxe indicándolles que o tren ía retroceder cara a estación e, dende alí retomaríase a viaxe. “Arredor das 11h. volvemos para a estación de Ourense e, unha hora despois, retomamos a viaxe, pero en autobús”, comenta este viaxeiro. Enchíanse dous autobuses que cubrían o traxecto ata Ponferrada, onde, os viaxeiros que continúen, subiranse de novo en tren.

Este rues lamenta a situación na que se atopa o servizo ferroviario en Valdeorras. “Este tren é practicamente a única conexión ferroviaria que temos na comarca, e, sempre acontece algunha incidencia, debería prestarse máis atención a este servizo público. Isto non é a primeira vez que pasa”, lamenta.

 

 

Back to top button