
Esta mañá de 18 de marzo a Oficina Móbil de Retorno da Xunta recalaba no Barco e situábase no Paseo do Malecón, moi preto do Teatro Lauro Olmo. Esta iniciativa, promovida dende a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta, busca facilitar o retorno e a integración dos galegos que regresan a súa terra tras residir no estranxeiro. A oficina móbil ofrece atención personalizada e apoio para atender as necesidades específicas das persoas retornadas e das súas familias en horario de mañá.
Esta é a segunda ocasión na que esta oficina, que xa ten percorridos boa parte dos concellos da provincia de Ourense (A Gudiña, A Merca, Allariz, Avión, Barbadás, Boborás, Castro Caldelas, Cea, Celanova, O Carballiño, Parada de Sil, Pobra de Trives, Ribadavia, Riós, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía), visita O Barco. Mañá, 19 de marzo, estará no concello de Laza. A intención é percorrer o conxunto dos concellos de Galicia e volverá á provincia.
Entre os servizos que se ofrecen figuran o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as diferentes axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, educación, Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas. Ademais, inclúese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro.
Por outra banda, nesta oficina ofrécese información sobre vivenda e educación, asistindo ás familias retornadas nas opcións de vivenda dispoñibles e nos recursos educativos para fillas e fillos.
Calquera persoa pode achegarse ata esta oficina directamente ou ben pedindo cita por teléfono con anterioridade ou na web https://emigracion.xunta.gal/
O seu calendario nos próximos meses nos concellos tamén se pode consultar nesa web.