
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, Galicia Fórum Gastronómico, que se celebrará do 23 ao 25 d emarzo en ExpoCoruña, do volverá reservar este ano un espazo no seu programa de actividades para a entrega dos Premios Picadillo nas súas diferentes categorías. Un galardón co que se quere recoñecer “o traballo que persoas de diversas disciplinas e oficios viñeron realizando en prol da gastronomía galega a través da súa traxectoria profesional á que a miúdo dedicaron a vida enteira”, tal e como afirman desde a organización, que programou a entrega dos premios para a tarde do martes 25 (16.00 horas), coincidindo coa xornada de clausura do evento que se celebrará desde o 23 de marzo en Expocoruña.
Así, entre os premiados desta edición, atópase Celestina Martínez, de O Parrulo (Ferrol), na categoría Cociña, da que o xurado recoñece o seu “labor de preservación da cociña tradicional galega” á fronte dun restaurante que ten a súa orixe nunha pequena tenda de ultramarinos aberta hai 60 anos por Celestina e o seu marido, e ao que deu continuidade o seu único fillo converténdoo nun referente na estrada de Catabois.
Na categoría Sala, que “pon en valor o oficio de camareiro e de mestre de sala dos restaurantes galegos”, o premiado será Berto Domínguez, á fronte do mítico restaurante D’Berto (O Grove), unha reputada mariscaría que leva máis de 35 anos ofrecendo os mellores produtos do mar de Galicia.
Na categoría Viño, que distingue “o labor de viticultores, enólogos e sumilleres que co seu traballo e sabedoría situaron aos viños de Galicia entre os mellores de España e de Europa”, o premio será para Joaquín Álvarez “Quin”, do Rosal, un respectado viticultor da zona e coñecido por rescatar e recuperar a variedade tinta Castañal, endémica da subzona do Rosal de Rías Baixas.
En canto á categoría Produtor, que recoñece a mulleres e homes con oficios relacionados co mar e a terra que conseguiron crear produtos de prestixio para a gastronomía galega, outorgaranse diferentes galardóns. Así, no caso de Mar, o recoñocemento recaerá en O Peirao – Federación Galega de Redeiras Artesás (Malpica de Bergantiños), entidade que agrupa a sete asociacións de redeiras galegas co obxectivo de dignificar o oficio, mentres que no apartado Rural o premiado será Jesús Simal Gándara, catedrático de Ciencias dos Alimentos da Universidade de Vigo, polo seu labor en prol da recuperación do cultivo da oliveira en Galicia.
Tamén serán distinguidas como produtoras 8 panaderías históricas de Galicia: Panadería Pallares (Sarria, Lugo, 1876); Panadería Germán (Fisterra, A Coruña, 1870); Panadería Rabizas (Betanzos, A Coruña, s XVII); a centenaria Panadería Paleo (Ribadeo, Lugo); Forno do Calviño (San Cristovo de Cea); Sieira Charlín (Ribeira, A Coruña, 1884); Panadería Central (Buño, Malpica) e Panadería Caneda (A Pobra de Trives, Ourense), que recibirán o Premio ás Panaderías Históricas de Galicia, co que o xurado recoñece o papel que desempeñan preservando un oficio patrimonial e poñendo en valor o pan de Galicia.
Finalmente, tamén haberá galardóns para as categorías de Formación, que este ano será para IES de Foz pola súa formación de baristas, e de Divulgación, pensado como recoñecemento a persoas que coa súa obra contribúen á difusión da cociña e a gastronomía galegas, e que nesta ocasión será para La Alacena Roja, unha revista de periocidad bimestral dedicada ao turismo e a gastronomía.