
Coa chegada de fin de ano, a parroquia de Sande, pertencente ao concello de Cartelle, volverá queimar de modo simbólico os seis píos elaborados este ano. Trátase dunha actividade organizada dende a Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande co fin de dinamizar a localidade, e tamén de recuperar unha testemuña dunha tradición perdida.
Así, tras o corte da palla en varias fincas cedida polos veciños, erguéronse estas senlleiras construccións á espera de que, tras as badaladas, se queimen. Indultando un deles para, xa no Entroido, queimalo co Meco e poñer fin as celebración de Don Carnal.
Os “píos” son unha construcción agrícola que tradicionalmente se realizaba, unha vez recollido o millo, coa palla que quedaba nas leiras. Esta palla colocábase de pé ata facer unha especie de cabanote que quedaba no terreo para logo levar ás cortes para que os animais aproveitasen para comer ou servirlle de cama.
Pero, chegada a noite de fin de ano, contan dende a asociación, “a modo de trasnada, os mozos tentaban queimar os “píos” dos outros veciños nunha especie de xogo no que había que ser ben hábil para que non te cacharan. E máis dun, queimaba o seu propio por non ter que carrexar con el para casa cando cumprise facerlle a cama aos animais. O caso é que toda a parroquia se iluminaba nesa noite coas luminarias producidas polos píos que ardían nas diferentes fincas xa que, daquelas eran moitas as leiras nas que se plantaba millo para alimentar o gando existente, quedando estes píos nelas ata o momento de levalo ás cortes”.

Agora, o abandono do rural e de terreo cultivado con millo, fixo que “tan só se puidesen facer seis destas construción naturais, pero coa ledicia de ver como maiores e nenas e nenos se involucraron na actividade”, indican dende a entidade promotora.

Outras tradicións perdidas de fin de ano en Sande
Queimar os “píos” non era o único que facía a mocidade de Sande. Pero estas tradicións xa non serán tan sinxelas de recuperar. “Outra desas, chamemoslle “actividades”, era cambiar os carros dos veciños, incluso colgalos de árbores, ou agocharllos. Máis dun non durmía esa noite para protexelo e non ser obxecto de tal falcatruada. E non só cambiaban os carros… incluso os burros dos veciños eran cambiados de cortes!”, din dende a asociación.
Fotos: Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande.