En portadaOurenseÚltima hora

A partir do luns os afectados polos incendios poderán solicitar as axudas da Xunta

As diferentes liñas eran aprobadas este 29 de agosto nun Consello da Xunta celebrado na cidade de Ourense e sairán publicadas mañá no DOG

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello.

 

A partir do vindeiro luns 1 de setembro as persoas, empresas ou entidades afectadas polos incendios forestais deste mes de agosto poderán solicitar en 16 oficinas creadas para tal fin (10 na provincia de ourense) as axudas habilitadas para este fin polo goberno galego e que se aprobaban este venres nun Consello da Xunta extraordinario celebrado na cidade de Ourense. Así o anunciaba o propio titular do Goberno galego, Alfonso Rueda. “Queremos executalas con rapiez, sinxeleza a eficacia na súa tramitación”. E matizaba que esas 16 oficinas (entre elas as do Barco, A Rúa, Vilamartín, Trives, Chandrexa de Queixa e Verín) estarán atendida por medio cento de funcionarios, que contarán coa colaboración do persoal dos Concellos.

O presidente da Xunta anunciaba que estas axudas (compatibles con outras doutras administracións e tamén cos seguros) serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), “o que fan é asignar cantidade segundo o tipo de danos e segundo o tipo de indemnización”. E adiantaba brevemente a súa distribución, comezando polas indemnizacións por danos físicos ás persoas, despois referíase as axudas por danos ás vivendas, que variarán en función de se se trata de vivendas habituais ou ocasionais. “Nas vivendas de uso habitual afectadas as axudas serán dun máximo de 132.000 euros para a súa rehabilitación e no caso de que non se poidan rehabilitar, porque sexan declaradas en ruina, poderían adicarse á compra dunha vivenda nova. E ademais, ata 16.200 euros para a compra de enxoval, mobiliario ou outros útiles domésticos, o que fora necesario para empezan nunha nova vivenda”. Se as vivendas afectadas son vivendas ocasionais destinaranse ata 66.000 euros para rehabilitación e, de non ser posible, para mercar unha nova vivenda, e ata 5.400 euros para repoñer o enxoval.

Quedan fóra destas achegas aquelas casas que estivesen abandonadas no momento de producírense os lumes.

Ademais, os afectados polos incendios tamén poderán beneficiarse de axudas complementarias para o realoxo mentres se rehabilitan as vivendas danadas sempre que fose domicilio habitual do solicita. Por unha parte, a través das medidas derivadas dos convenios e acordos con concellos e entidades de apoio a estes veciños e, por outra, co acceso ao Bono alugueiro social. Neste caso, os afectados poderán recibir ata o 100 % da renda do alugueiro -sempre que non superen os límites fixados por concellos que rexen nas bases deste Bono- e unha achega extra de 600 euros para sufragar os gastos
do aloxamento provisional, do transporte ou da mudanza. As achegas de Vivenda poderán solicitarse desde o vindeiro luns e ata o 28 de novembro.

Explotacións agrogandeiras e forestais

O presidente tamén anunciou a posta en marcha de “oito liñas de axudas para apoiar as explotacións agrícolas, gandeiras e forestais das zonas dos incendios”. Todas elas cubrirán o 100 % do investimento, cun límite máximo en función do tipo de axuda que nalgúns casos pode chegar aos 200.000 euros por persoa, ben que unha mesma persoa poderá solicitar unha ou varias liñas de axuda.

Nas explotacións agrogandeiras, os titulares poderán solicitar axudas para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións. No caso de que quedasen inutilizados, poderían ser substituídos por maquinaria nova ou de segunda man. A contía máxima será de 200.000 euros/persoa. Ademais habilítase unha achega para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de 6 meses. A contía máxima será de 15.000 euros/persoa.

A Xunta tamén indemnizará os gandeiros e agricultores por perdas na produción ou animais. No primeiro caso, haberá achegas de 12.700 €/hectárea para os produtores de viño, de 1,22 €/quilo para os de castaña, a indemnización pola perda de forraxe calcularase en función do estado (sen recoller, pacas, ensilado) e no resto de produtos serán con base nos valores dos prezos establecidos na liña de seguros agrarios. En canto, ás axudas para paliar a morte de gando ou abellas estimaranse segundo o tipo de especie e a idade do animal. No caso do gando bovino, establécese un máximo de 1.600
euros por animal maior ou igual a 18 meses e menor de 120.

Tal e como explicaba Rueda, habilitaranse ademais outras catro liña de axudas para reparar os danos nas explotacións forestais. A Xunta dará ata 15.000 € para a reparación dos danos causados a infraestruturas de titularidade privada como pistas forestais, captacións de augas, cerramentos, bebedoiros ou comedeiros. Poderá recibirse un máximo de 50.000 € para a reparación da maquinaria e equipamento forestal danados en tarefas de colaboración na extinción dos incendios forestais ou ocasionados por estes. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por maquinaria nova ou de segunda man. Ademais, haberá axudas para os gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes de xestión pública cun máximo de 50.000 € por persoa e ata 100.000 € para plantacións substitutorias. O prazo de solicitude será dun mes desde o vindeiro luns.

Achegas para os centros produtivos e negocios afectados

Pola súa banda, a Xunta tamén impulsa unha liña de axudas directas para apoiar ás empresas afectadas pola vaga de incendios. A determinación do importe total das axudas efectuarase unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas atendendo ao carácter extraordinario destas e á súa natureza de concesión directa e non competitiva.

As subvencións permitirán cubrir ata o 100 % dos danos producidos, conforme a valoración recollida nun informe de taxación, cun límite de 600.000 euros por beneficiario. De xeito excepcional, e atendendo á gravidade dos danos e ao seu impacto socioeconómico, a contía poderá ampliarse ata un máximo de 1,5 millóns de euros, especialmente cando estea en risco o mantemento do emprego.

A convocatoria abrangue os danos ocasionados en edificacións, instalacións, maquinaria, mercadorías ou vehículos comerciais e industriais asociados á actividade. Non serán obxecto desta liña as explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais.

As axudas terán carácter subsidiario e complementario, polo que serán compatibles con outras indemnizacións públicas ou privadas, sempre que a suma total non supere o 100 % dos danos. Ademais, os beneficiarios deberán comprometerse a manter a actividade afectada durante polo menos un ano a partir da concesión da axuda, prazo que se estenderá a tres anos no caso de recibir unha achega superior aos 600.000 euros.

Con esta medida o Goberno galego busca dar unha resposta rápida e eficaz ao impacto económico da vaga de lumes, mostrando o seu compromiso co tecido empresarial galego e coa recuperación das zonas máis afectadas. O prazo de solicitude abrirase o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto durante un mes.

Ademais, o presidente da Xunta anunciou que o Goberno autonómico vai iniciar unha serie de reunións cos establecementos turísticos afectados por cancelacións ou perda de produtos para avaliar os danos e convocar unha liña de axudas específica para apoiar ao sector.

Colaboración cos concellos

No decreto aprobado hoxe, a Xunta tamén establece axudas a entidades locais para facer fronte aos gastos derivados das actuacións realizadas como consecuencia dos incendios, así como polos danos ocasionados en bens de titularidade municipal. Tal e como explicou Rueda, estas achegas determinaranse a través de convenios de colaboración cos concellos para colaborar nos seus gastos de obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais
afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados.

Estas axudas tamén cubrirán os custos de limpeza e restauración ambiental ou de alugueiro, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, financiaranse os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivese que asumir. Como novidade, respecto á orde de axudas publicada en 2022 polo mesmo motivo, inclúense entre as actuacións subvencionables o resarcimento dos gastos en que incorresen os veciños pola súa colaboración na extinción.

Achegas a Tecores

Por outra parte, poranse á disposición dos titulares de infraestruturas de uso público afectadas polo lume na Rede galega de espazos protexidos e as Reservas de biosfera axudas económicas para cubrir ata o 100 % dos custos de restauración, cun importe máximo de 20.000 euros por proxecto en caso de que a titularidade sexa dun monte veciñal en man común e de 40.000 euros se o beneficiario é un concello.

As actuacións subvencionables con cargo a esta orde inclúen a reposición ou reparación de elementos estruturais de sendas e rutas sinalizadas, entre eles sinais, miradoiros, varandas de madeira e tramos de pasarelas do mesmo material; de distintas infraestruturas e instalacións de interpretación do medio natural, como carteis e outros, e de elementos de áreas recreativas localizadas en espazos protexidos.

Ademais, convocará unha segunda orde de axudas para compensar os titulares de terreos cinexeticamente ordenados (tecores) afectados polos incendios forestais deste verán en Galicia. Con estas achegas cubriranse gastos de sementeira de cereais (ata 650 euros por hectárea, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros), que serven de alimento á fauna silvestre e contribúen a restaurar tanto os hábitats cinexéticos como os solos afectados, e tamén actuacións de recuperación, reparación e reposición de infraestruturas ou instalacións (refuxios, fontes, bebedoiros e comedeiros para animais, cercados, tobeiras etc.) destruídas ou danadas polo lume, cun importe máximo de 12.000 euros por solicitante.

Os beneficiarios poderán solicitar o anticipo do 100 % da axuda concedida sen necesidade de prestar garantía (é dicir, sen ter que formalizar un aval ou fianza), unha medida excepcional que se adopta neste caso para facilitar e axilizar o acceso dos afectados aos fondos mobilizados pola Xunta. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde a publicación de ambas convocatorias no DOG e os beneficiarios poderán xustificar as actuacións subvencionables ata o 30 de outubro de 2026.

 

Back to top button