CulturaCulturaÚltima hora

A Pedra de Currais (Salcedo, A Pobra do Brollón), unha produción plástica da Idade do Ferro

Manuel Santos-Estévez e Xurxo Ayán veñen de publicar un artigo na revista CROA no que percorren a historia deste gravado pétreo e contextualizan a súa cronoloxía e temática

Debuxo arqueolóxico da peza, Feito por Anxo Rodríguez Paz, do INCIPIT, CSIC.

 

Dous personaxes, con espadas e a cabalo, protagonizan a escena, na que aparece unha terceira figura, quizais outro cabalo. A Pedra de Currais (Salcedo, A Pobra do Brollón), cunha superficie plana de entre 0,40 ou 0,50 cm de longo por 0,20 ou 0,25 cm de ancho, era gravada con ata 3 técnicas de gravado diferentes. “A maior parte das figuras están definidas mediante a súa delimitación con sucos profundos e anchos: os cuadrúpedes, o perfil dos antropomorfos e dúas figuras alongadas situadas á altura das cabezas dos xinetes. A segunda técnica é a incisión, aplicada nas tres espadas, a roda que aparece sobre o corpo dun dos xinetes e unha figura cuadrangular situada á dereita da composición. Por último, as caras dos dous
personaxes, é dicir, o nariz e os ollos, foron realizadas en releve”, así o explican Manuel Santos-Estévez (INCIPIT, CSIC) e Xurxo M. Ayán Vila (IHC, NOVA) nun artigo que veñen de publicar no último número da revista CROA (do Museo do Castro de Viladonga), co título “Un sitio para os gravados da Pedra de Currais (Salcedo, A Pobra do Brollón, Lugo). Unha proposta de contextualización e adscrición cronocultural”.

Neste estudo abordan a historia e o periplo deste singular gravado en pedra, cuxo paradoiro hoxe descoñécese, que aparecía aló por 1951 nunha parede dunha casa que se estaba esborrallando. Despois pasou a formar parte dunha “ata comezos dos anos 60, cando o padre Elías Valiña Sampedro visitou a localidade, probablemente para a toma de datos en campo para a elaboración do Inventario Artístico de Lugo y su Provincia“, e rematou formando parte dunha palloza no Cebreiro.

 

 

Imaxe da publicación na revista CROA./ Cedida.

 

Ademais os investigadores tratan de datar este gravado, analizando como foi realizado e tamén as características das figuras e doutros elementos como as espadas, a súa temática e estética. E iso tendo en conta limitacións como que se descoñece que tipo de pedra é, as condicións nas que foi recollida, “fóra do seu contexto orixinal e a falta dun estilo ou tradición estética identificable”. De feito, basean a súa análise en fotografías conservadas e nas testemuñas orais de persoas que a viron e encadran a Pedra de Currais na tradición da Idade do Ferro.

 

Portada da revista CROA, do Museo do Castro de Viladonga, onde aparece publicado este artigo de investigación./ Cedida.

 

Un dato significativo, segundo os autores deste traballo, “é que, ata o momento, non foron documentadas en Europa representacións de monta a cabalo anteriores aos inicios da Idade do Ferro, mentres que, a partir deste momento, as escenas de xinetes multiplícanse e pasan a constituír un dos elementos máis característicos da iconografía deste período, atinxindo deste xeito, unha grande relevancia dende o punto de vista social e simbólico”.

Outra das singularidades da peza son os rostros dos xinetes, cun diferente tratamento, e nos que só aparecen ollos e nariz. “Mentres os animais, as espadas e os corpos dos xinetes apenas aparecen perfilados por un suco de maior ou menor fondura, os ollos e o nariz dos rostros humanos aparecen en releve. Resulta evidente que as caras humanas deberon merecer unha especial atención dentro dun conxunto tan esquematizado”. Así mesmo, matizan que esta “forma de representar os rostros humanos, con ollos en releve, un nariz robusto e unha boca ausente ou moi simplificada é unha forma moi común na escultura da Idade do Ferro do ámbito cultural galaico e mesmo extensible a outras áreas xeográficas do ámbito céltico”.

Santos-Estévez e Ayán conclúen que esta pedra non pertenceu a ningún petróglifo e sitúan a súa iconografía “dentro da tradición da Idade do Ferro, onde as escenas de monta a cabalo son moi frecuentes debido ao destacado carácter simbólico e social que adquire este cuadrúpede neste período”. Tamén consideran que, malia que dende un punto de vista estilístico os gravados non presentan unha identidade clara, a forma de representar os seus rostros, en especial os ollos, “ten paralelismos na escultura da Idade do Ferro, especialmente na tradición plástica galaica”. Por iso, pensan que a Pedra de Currais podería ter sido parte dunha estrutura construtiva dalgún castro da contorna de Salcedo e que, “nalgún momento foi obxecto de traslado e reutilización para a construción dunha vivenda na aldea na que foi atopada en 1951”.

 

 

Back to top button