
Nunha nova operación contra o tráfico de drogas en Ourense, a Policía Nacional levou a cabo o desmantelamento dun novo punto de venda de drogas mediante denominada policialmente como Operación “Cuáquer”.
A investigación iniciouse durante o pasado mes de xaneiro deste ano, froito dos labores de prevención levados a cabo polas diferentes unidades da Brigada de Seguridade Cidadá, da información obtida de diversas fontes policiais e da colaboración cidadá.
Unha vez o Grupo de Estupefacientes desta Comisaría Provincial tivo constancia da existencia dun “Punto Negro” de venda de cocaína na zona vella de Ourense, comezaron a realizarse as dilixencias policiais oportunas para conseguir a desarticulación do mesmo.

“A primeira detención produciuse o pasado mércores día 9, cando o principal investigado por estes feitos foi sorprendido “in fraganti” realizando un “pase” de droga nas inmediacións do seu domicilio situado na zona vella da cidade. O resto das detencións producíronse no día de onte. Tras as detencións levaron a cabo as oportunas dilixencias de entrada e rexistro en tres dos domicilios pertencentes aos investigados, os cales se situaban estratexicamente na zona vella para non levantar sospeitas da comisión da actividade delituosa. O resultado final da operación policial tradúcese na incautación dunhas catrocentas (400) doses de cocaína e outras substancias estupefacientes entre as que se atopaban marihuana, haxix e MDMA, ademais de útiles de pesada e máis de mil cincocentos (1500 €) euros en diñeiro fraccionado, así como outros efectos relacionados co tráfico de drogas”, segundo informa a Policía Nacional.
Os detidos foron postos ao dispor xudicial. Coa finalización da Operación “Cuáquer” dáse por desarticulado un importante punto de venda na zona centro da cidade de “As Burgas”, que operaba en lugares próximos á zona de lecer nocturno.