
Axentes da Policía Nacional veñen de levar a cabo a detención dun individuo como presunto autor de dous roubos con forza en domicilio.
Os feitos que se lle imputan tiveron lugar o pasado día 22 de maio en dúas vivendas unifamiliares do barrio de “O Vinteún”, “ás que o detido accedeu previo escalo do peche exterior, fracturando posteriormente xanelas que dan acceso ao interior das vivendas. Entre os efectos subtraídos atópase unha tarxeta de crédito que posteriormente utilizou en establecementos da cidade para realizar varias compras a cargo do titular da tarxeta”, segundo informa a Policía Nacional.
Froito das investigacións levadas a cabo por parte da UDEV e a Brigada Provincial de Policía Científica, o pasado luns día 26 de maio, conseguiuse a identificación do presunto autor dos feitos denunciados, procedendo á localización e detención do investigado.
Unha vez practicadas todas as dilixencias policiais tendentes ao esclarecemento dos feitos, o detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución en funcións de garda, que decretou o seu ingreso en prisión.