
A Policía Nacional detiña o pasado día 16 de abril, a Nacional a unha persoa como responsable da comisión de catro delitos leves de furto e tres de estafa. Os feitos ocorreron ao longo do mes de marzo e principios de abril do presente ano en distintos establecementos comerciais da cidade.
O “modus operandi” empregado polo autor era sempre moi similar, “realizaba furtos ao descoido de bolsos, mochilas, carteiras ou outros efectos persoais e posteriormente usaba as tarxetas bancarias subtraídas para realizar compras en comercios locais antes de que a vítima procedese á anulación das tarxetas”, segundo informa a Policía Nacional.
No día de onte, 22 de abril, produciuse unha segunda detención relacionada cun “modus operandi” diferente xa que o detido no canto de realizar os furtos ao descoido, subtraía os efectos do interior de vehículos estacionados en vía pública que se atopaban abertos, aínda que o uso posterior das tarxetas de crédito subtraídas, era o mesmo.
Para a investigación deste tipo de feitos delituosos por parte da Policía Nacional estableceuse un plan específico de actuación que permite, “en primeiro lugar a nivel preventivo, minimizar a comisión de furtos ao descoido en zonas, lugares e datas de aglomeración de persoas, mediante presenza policial activa así como dando consellos á cidadanía para evitar este tipo de feitos delituosos, a través de diferentes vías de difusión. En segundo lugar levando a cabo unha investigación dos feitos xa consumados para conseguir a identificación e detención dos autores”, indica a Policía Nacional.
Así, tras levar a cabo a investigación dos feitos denunciados, os axentes de Policía Nacional da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Comisaría Provincial de Ourense lograban a identificación desta persoa grazas ás diferentes probas obtidas nos lugares onde se produciron os feitos, conseguíndose posteriormente a localización, detención e posta ao dispor xudicial do presunto autor.
Entre os consellos de interese para evitar este tipo de feitos é convinte, segundo aconsella a Policía Nacional, ter en conta as seguintes recomendacións:
• Non é convinte saír de casa con grandes cantidades de diñeiro en efectivo e en caso de efectuar un pago en metálico é convinte evitar mostrar en público o diñeiro do que se dispón, sobre todo se a cantidade é considerablemente elevada.
• En caso de retirar grandes sumas de diñeiro dun caixeiro ou oficina bancaria tratar de ser discretos e asegurarse de que non hai ninguén observando a nosa operación.
• En aglomeracións as túas pertenzas poden correr perigo. Presta especial atención a bolsos, carteiras, móbiles, etc.
É recomendable levar o bolso cruzado por diante e con cremalleira ou outro tipo de peche.
• Evitar gardar obxectos persoais ou diñeiro nos petos traseiros do teu pantalón.
• Procurar levar por separado a documentación, as chaves e o diñeiro.
• Non perder nunca perder de vista a tarxeta de crédito cando se realicen pagos en establecementos.
• No caso de que se produza a perda ou o furto de documentación ou tarxetas bancarias é recomendable realizar a anulación das mesmas de forma inmediata.
• Nunca levar anotadas por escrito as claves ou contrasinais nin de tarxetas bancarias nin de claves, PIN ou PUK dos nosos terminais móbiles.
• Asegurarse de que deixamos o vehículo correctamente estacionado e pechadas tanto portas como portelos, aínda que sexa para realizar unha xestión moi breve, e que no interior do mesmo non quedan á vista carteiras, bolsos, mochilas etc., nin diñeiro en metálico.