CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

A posible influencia de San Xoán de Río no blues estadounidense

Así se daba a coñecer no último programa de "Luar", onde se amosaba a figura dunha das últimas tocadoras das táboas de lavar, natural deste municipio, e se interpretaba unha muiñeira de Río

Unha das últimas tocadoras das táboas de lavar de San Xoán de Río./ Imaxe: TVG/ Luar.

 

Non só era un obxecto de traballo, esencial en tempos nos que non existían as lavadoras. As táboas de lavar constituían tamén un instrumento musical e así se poñía de manifesto onte no programa de “Luar” da TVG, onde se amosaba a imaxe dunhas das últimas tocadoras destas táboas, natural do municipio de San Xoán de Río. Pouco despois, o grupo Tndereteiras interpretaba con ese instrumento unha muiñeira, tamén, de San Xoán de Río.

E, ademais, durante o programa indicábase que o uso deste instrumento en territorio galego era anterior á súa incorporación como instrumento ao blues nos Estados Unidos, en torno ao aos anos 1920. “Dicíase claramente que o washboard, a orixe do blues, pode vir de San Xoan de Río”, destaca o seu alcalde. Este municipio está moi ilusionado e revolucionado coa noticia e que está tratando de recabar máis información ao respecto.

 

 

 

Tal e como indica o rexedor de Río, a información reunida a través da Intelixencia Artificial (IA), avalan o comentado no programa da televisión galega. Así, segundo os datos que achega Xosé Miguel Pérez, esa vinculación puido ter a súa orixe na ruta migratoria da poboación de San Xoán de Río cara o canal de Panamá, aí polos anos 1904-1914.

“Durante a construción do canal, moitos emigrantes europeos (incluídos os galegos) traballaron en condicións extremadamente duras. Os traballadores galegos levaron consigo tradicións culturais e obxectos prácticos, como as táboas de lavar, que servían tanto para o seu uso cotiá como para aliviar a nostalxia. Ao rematar a obra, moitos destes operarios seguiron emigrando cara os Estados Unidos, especialmente a rexións industriais do sur e o noroeste. Alí, interactuaron con outras comunidades migrantes e afroamericanas, compartindo costumes”.

Así, prosegue, “este fluxo migratorio galego podería ter sido un vehículo para introducir ou influír no uso da táboa de lavar no blues estadounidense, particularmente nos entornos rurais e de traballo, onde as comunidades afroamericanas e europeas intercambiaron tradicións”.

Obradoiro sobre música nos lavadoiros

O Concello de San Xoán de Río xa apostaba o pasado verán por dar a coñecer esta tradición musical propia do municipio organizando un obradoiro sobre música nos lavadoiros da man de Xavier Blanco da Fundación Legar. Desenvolvíase na Fonte da Abadía, onde se reproducían eses antigos sons dos lavadoiros.

https://www.facebook.com/share/v/1H2Q4y5kDr/

Vídeos cedidos.

 

Back to top button