
Na revalorización do patrimonio industrial da industria da lousa en Valdeorras céntrase un traballo de Víctor Cárdenes Van Den Eynde, doutor en Xeoloxía e investigador da lousa na Universidade de Oviedo, que vén de incluírse no último tomo da colección “Los Ojos de la Memoria”, editado por INCUNA, Asociación de Arqueoloxía Industrial, situada en Asturias.
O estudo, que leva por título “Desenvolvemento do patrimonio da industria da lousa para cubertas: pasado, presente e futuro”, está asinado tamén por C. Tejerizo (Universidade do País Vasco) e K. Schuchová (Universidade de Ostrava, República Checa), e aparece no apartado de “Tecnologías de la producción intervenciones en su valoración” do citado volume.
“A lousa para cubertas é unha roca natural que leva extraendo e elaborando desde os tempos do Imperio Romano. Este dilatado período de explotación fixo que gran parte do patrimonio ar-quitectónico histórico europeo estea construído con esta roca. Nos últimos anos, os actores locais españois están a empezar a expor accións para salvagardar e preservar o patrimonio industrial da industria da lousa tendo en conta as experiencias obtidas noutros países. Este traballo compara as actuacións levadas a cabo en distintos países, analizando as diferenzas e similitudes entre eles”, indican os investigadores.
Así o texto parte da búsqueda de materiais axeitados para construír xa dende os primeiros asentamentos humanos no Neolítico e como iso ten ido evolucionando ao longo da historia. “De todos os tipos rochosos dispoñibles na natureza, aqueles que presentan unha estrutura interna sólida, compacta e que permita obter bloques regulares son os máis aprezados. Este é o caso da lousa, unha roca metamórfica de gran fino, que pode ser separada en laxas de distinto espesor. Se as condicións do xacemento o permiten, estas laxas poden chegar a ser moi finas, da orde de milímetros, obténdose así placas homoxéneas e regulares que poden ser empregadas para cubrir tellados. Esta é a única roca natural que pode ser empregada para esta función. As áreas nas que hai xacementos deste tipo son escasas, o que fai que estes xacementos constitúan unha excepcional fonte de riqueza”.

Tamén se aborda o proceso extractivo e produtivo da lousa e as innovacións incorporadas nos últimos anos para, deseguido, centrarse no patrimonio louseiro, museos, canteiras e minas visitables no mundo. “No mundo, e en especial en Europa, existen numerosos museos e parques temáticos sobre lousa. Na súa maioría aproveitan as antigas instalacións mineiras para mostrar ao visitante a historia e características da extracción e elaboración de a lousa, contribuíndo a dinamizar a economía dunhas zonas que, perdida a a súa principal actividade económica, poñen en valor os vestixios deixados por séculos de traballo continuo. Así, o patrimonio industrial consérvase e axuda a fixar a poboación”, sinalan.

E como exemplos citan os casos prácticos de Gales como un exemplo de éxito na xestión do patrimonio industrial cuxa paisaxe louseira foi recoñecida como Patrimonio da Humanidade; da posta en valor da industria da lousa na República Checa e de España, “cun patrimonio recente dunha industria viva”. De feito, “hoxe a gran conca louseira activa que queda en Europa atópase no noroeste español”.
Este estudo conclúe que no caso español, a posta en valor do patrimonio louseiro é “aínda incipiente, a pesar de que xa empeza a haber iniciativas locais encamiñadas a protexer este patrimonio. Como punto de partida para as devanditas iniciativas locais cóntase coa experiencia e actuacións desenvolvidas noutras zonas europeas. (…) En España, a inquietude proteccionista afiánzase cos anos, como mostran a recente proposta de recuperación do paisaxe louseiro presentada neste traballo. Nun futuro próximo, agárdase que o turismo industrial da lousa se desenvolva e afiance, axudando a protexer e salvagardar a historia desta industria”.