O vindeiro venres, 24 de xaneiro, terá lugar en San Xoán de Río unha xornada europea dentro do programa CERV: Protexendo os valores da Unión Europea, no que visitará San Xoán de Río Maria Helena Marques Pinto da Lapa, presidenta da Cámara Municipal de Sabrosa e primeira muller presidenta dunha cámara municipal no distrito de Vila Real en Portugal.
O programa CERV, ou Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores, é unha iniciativa da Unión Europea deseñada para protexer e fomentar os valores fundamentais da UE, como a democracia, a igualdade, os dereitos humanos e o Estado de dereito.
Sabrosa, situada no corazón do Douro Vinhateiro, Patrimonio da Humanidade, e San Xoán de Río, con miras a ser declarada Patrimonio da Humanidade en 2026, dentro da candidatura da Ribeira Sacra, comparten un rico patrimonio cultural e natural. A visita da presidenta da cámara municipal de Sabrosa servirá para explorar oportunidades de colaboración en diferentes ámbitos, como o turismo, a cultura e o desenvolvemento local.
Un dos puntos á orde do día será a presentación dun congreso internacional sobre a valorización do patrimonio cultural, que se celebrará en ambos municipios no próximo mes de abril. Este evento, que reunirá a expertos e representantes de diferentes países, busca impulsar a cooperación transfronteiriza e promover o turismo rexenerativo.