EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

A produción anual do sector da castaña galega xera un valor superior aos 50 millóns de euros, segundo a Xunta

Así o indicou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento

Imaxe cedida.

 

A produción anual do sector da castaña en Galicia ten un impacto económico a nivel autonómico de 20 millóns de euros pagados aos produtores, o que xera un valor superior aos 50 millóns de euros en comercialización unha vez transformado o produto. Así o indicou hoxe o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento.

Na súa intervención, o director tamén salientou que a Xunta vén recentemente de introducir diversos cambios na Mesa da Castaña, co fin de fomentar o produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e as variedades autóctonas. Así, outórgaselle un maior peso neste órgano consultivo e asesor á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, entidade que exerce as competencias en materia de indicacións xeográficas, para que poida dirixir máis claramente a súa actuación aos aspectos relacionados coa produción e a comercialización e, deste xeito, consolidar o sector como líder nacional.

Así mesmo, José Luis Cabarcos falou acerca do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, que contempla unha serie de intervencións coas que se busca alcanzar tres grandes obxectivos de aquí ao ano 2040. Por unha banda, preténdese recuperar soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación, marcando como meta chegar ata as 8.000 hectáreas de soutos recuperados ao final do período. E, pola outra banda, o plan persegue plantar outras 16.000 hectáreas máis para a produción de madeira e de froito no horizonte do 2040, con vistas a acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro.

Neste sentido, Cabarcos tamén puxo en valor o traballo que se está a realizar no Centro de Investigación Forestal de Lourizán en prol do Programa Estratéxico do Castiñeiro e a Produción da Castaña. Así, o centro vén de actualizar a súa liña de investigación de castiñeiro con técnicas de cultivo in vitro.

Finalmente, o director anunciou que a Consellería do Medio Rural está a ultimar unha liña de axudas que debe converterse nun motor de cambio para a modernización do sector e o impulso definitivo da IXP Castaña de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button