Pasadas as dez desta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, comparecía ante os medios de comunicación no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para explicar como está arestora a situación en Galicia tras o histórico apagón eléctrico vivido onte.
Comezaba agradecendo o labor de todas as persoas que estiveron traballando dende que se produciu o apagón, pasadas as 12h. do mediodía de onte, e arestora seguen traballando para conseguir restablecer ao cen por cen a normalidade, polo tanto, moitas grazas tanto ao persoal dependente do Goberno central, ao delegado do Goberno, dende que asumiron en situación 3 a coordinación da emerxencia estivo traballando, xunto cos efectivos, a UME que se trasladou aquí durante a noite e, por suposto, todo o persoal da Xunta de Galicia, de diferentes departamentos con competencias en materia de Sanidade, de Educación, de Política Social, todos os que estiveron traballando e tamén un agradecemento moi especial a todo o persoal técnico, que durante a noite estivo traballando e aínda siguen para restablecer en lugares moi dispersos o servizo eléctrico”.
Ademais Rueda expresaba o seu agradecemento ao pobo galego “en xeral, que creo que nunha situación complicada e inédita, da que non tiñamos experiencia afortunadamente ata o de agora, deu un exemplo de civismo, de manter a calma nun momento moi complicado e de demostrar que cando vivimos este tipo de situacións, sabemos comportanos tamén como pobo. Era fundamental que houbera este comportamento e produciuse”.
Ademais Rueda explicaba que dende primeira hora desta mañá estase xa “a recuperar de xeito paulatino a normalidade. Rede Eléctrica infórmanos de que neste momento arredor do 97% do subministro eléctrico está recuperado, falamos de máis de 1.800.000 subministros dos que quedarían por restablecer, e séguse traballando nelo, 52.000”.
O presidente da Xunta indicaba tamén que todos os hospitais galegos contan actualmente con luz e que durante a noite se lles subministrou combustible para garantir o funcionamento dos xeradores no caso de que se prolongase o apagamento. Do mesmo xeito actuouse nas residencias de maiores, “onde, ademais do combustrible, algunhas recibiron osíxeno” e tres pacientes “tiveron que ser trasladados a hospitais” debido a súa situación.
O titular da Xunta resaltou que os teléfonos de emerxencias -112 e 061- funcionan con normalidade e que non rexistraron “incidencias graves” durante todo o apagamento.
Por último, Rueda explicou que se decidiu suspender as clases nun momento “en que era preciso reducir o uso de combustible” e tendo en conta que “Galicia ten unha das redes de transporte escolar” máis grandes de España. En todo caso, os centros educativos e as escolas infantís permanecen abertos para facilitar a conciliación das familias, pero sen actividade lectiva.
Solicitar o paso ao nivel 2
Por outra banda, tras ter solicitado onte o nivel 3 de emerxencia, e dados os actos actuais, o Executivo autonómico vai solicitar ao Goberno central que Galicia pase ao nivel 2 de emerxencia. Así, ao longo desta mañá Rueda manterá unha entrevista co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ao que solicitará rebaixar o nivel de emerxencia para que a xestión da situación volva a estar en mans do Goberno galego.
Rueda resaltou “a excelente coordinación” co Executivo central durante as primeiras horas do apagamento – “cando se trataba dunha incidencia con carácter nacional”- e agradeceu tanto o labor de todos os profesionais que traballaron durante a noite para restablecer “a normalidade.
Na galería, diferentes imaxes da apagamento de onte no sur de Lugo e en Valdeorras.