Ata o vindeiro 29 de novembro a praza do Concello do Barco acolle o roadshow #ExperienciaINCIBE. Ata alí desprazábase esta mañá o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañado polo alcalde barquense, Aurentino Alonso, e pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta.
“Parabéns ao Concello do Barco por recibir aquí esta #Experiencia INCIBE. Este concello sempre é moi activo á hora de buscar e ofertar as propostas doutras administracións á súa cidadanía. Trátase dunha experiencia de prevención da ciberdelincuencia que está dirixido á cidadanía en xeral, pero tamén ao alumnado, ademais leva adiante programas de formación e prevención para empresas, colectivos profesionais, asociacións porque a prevención fronte á ciberdelincuencia tamén é unha preocupación do Goberno de España e do Ministerio de Transformación Dixital”, resaltaba Eladio Santos.
Ademais o subdelegado do Goberno explicaba que, “simultaneamente isto, tendo en conta a gravidade e o incremento nos últimos anos da ciberdelincuencia o Ministerio do Interior desenvolveu programas e equipos específicos na Policía Nacional e na Garda Civil para atallar esta problemática, son casos difíciles relacionados con bandas internacionais, e grazas a ese esforzo tanto na prevención como na persecución do delito, no último ano estase contendo a evolución da ciberdelincuencia e mesmo descendendo nalgún caso”.
E referíndose concretamente á provincia de Ourense, Santos indicaba que no primeiro semestre deste ano se rexistraron 1.123 feitos delituosos relacionados coa cibercriminalidade, “un dato que preocupa especialmente porque son delitos difíciles de perseguir e que afectan en moitas ocasións a xente vulnerable”.

Se ben matizaba que as últimas cifras de ciberdelincuenta reflexan “unha contención” respecto á suba acusada que se rexistraba nos anos anteriores.“Isto débese a que as campañas de prevención e o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado funcionan”.
O subdelegado animou á cidadanía a visitar o roadshow que o INCIBE ten instalado na Praza do Concello do Barco de Valdeorras para vivir en primeira persoa unha aventura de realidade virtual. A iniciativa, financiada polo Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Goberno de España, consiste nunha experiencia que percorre España nun camión.
Pola súa banda, o alcalde do Barco, agradecía ao INCIBE a súa presenza neste municipio “porque é un luxo contar con esta experiencia nunha localidade como a nosa, en Galicia estiveron en tres máis, así que é un privilexio telos aquí e despois o que implica isto: a información e formación con respecto ás redes. Que a xente saiba que non é só para nenos, senón tamén para adultos porque resulta moi fácil caer nalgún tipo de estafa ou en entregar datos ou información persoal que non debes e que logo pode ser utilizada na túa contra. Pois aquí nunha hora de actividade vante formar nese aspecto”.
A visita do subdelegado do Goberno en Ourense ao roadshow coincidía cunha sesión na que participaban alumnos do Colexio Divina Pastora do Barco.
Fotos: Carlos G. Hervella.