OurenseÚltima hora

A Real Banda de Gaitas inicia en Budapest a xira para proxectar a música tradicional galega no exterior

 

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, baixo a dirección de Xosé Lois Foxo, iniciou en Budapest unha xira por Centroeuropa coa que continúa promovendo a música tradicional galega e difundindo internacionalmente o patrimonio cultural da provincia.

A formación provincial ofreceu unha emotiva actuación na praza Batthyány da capital húngara ante numeroso público. No concerto participaron tamén músicos húngaros que se desprazarán proximamente a Ourense para tomar parte na XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros.

A presenza da Real Banda de Gaitas en Budapest enmárcase precisamente nos actos de presentación deste encontro internacional, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro no concello de Monterrei e que nesta edición estará dedicado á música tradicional húngara.

 

 

Durante a actuación, os 36 integrantes da agrupación ourensá interpretaron unha Suite de música galega e húngara, preparada especialmente para esta ocasión como homenaxe á cultura musical do país anfitrión e como símbolo da irmandade entre ambos os dous pobos.

Tras a súa estancia en Hungría, a Real Banda de Gaitas viaxará á República Checa para participar no Festival Internacional de Strakonice, unha nova oportunidade para amosar nun escenario internacional a riqueza e singularidade da tradición gaiteira galega. A xira concluirá o vindeiro 24 de agosto.

 

Back to top button