A profesionalización das explotacións e a procura da rendabilidade do sector. Son algúns dos retos que ten por diante a olivicultura galega. E aí poden desenvolver un papel clave as variedades. Así se poñía de manifesto no decurso do III Congreso arredor do Aceite de Oliva de Quiroga, que se celebraba a partir das 17h. deste 14 de marzo no Auditorio desta vila, e no que tamén se tocaban cuestións como a biotecnoloxía neste sector ou o valor nutricional e na saúde do aceite galego.
O programa de ponencias abríao José Manuel Gómez, quen falaba da casuística actual que presentan as explotacións oliveiras en Galicia e achegaba unha serie de recomendacións neste cultivo como o coidado da cuberta vexetal do solo e asegurar un rego equilibrado, especialmente en campañas de seca como as tres últimas rexistradas, así como realizar unha poda adecuada.

Ademais o relator incidía na necesidade de impulsar o cultivo, tratando de rendabilizalo en Galicia, e unha ferramenta para iso poderían ser as variedades. “Fáltanos expandir o cultivo cara rendabilidades viables. A realidade actual que temos agora en Galicia é que moitas explotacións non son rendibles. A ver se as novas variedades nos axudan a conseguir iso”, concluía.

Precisamente nas variedades de oliveira galegas centrábase a seguinte ponencia, a coargo de Marga Fraga Ares, directora técnica na Fundación Paideia Galiza (Cultigar), que están a participar no proxecto de investigación “Oliveiras de Galicia”, xunto a outros socios do proxecto. Na primeira parte da súa exposición abordaba que é a biotecnoloxía, especialmente enfocada cara á tecnica do cultivo in vitro, e despois comentaba como aplicar ese modelo á produción de oliveiras autóctonas. E concluía indicando cales son as variedades de oliveira nas que o proceso está máis avanzado dentro do devantido proxecto.

O programa completábase da man de Beatriz Cancho Grande, catedrática da Universidade de Vigo, na Facultade de Ciencias de Ourense, quen abordaba un proxecto de investigación que se está a desenvolver relativo á nutrición de precisión na saúde relativa aos aceites de oliva galegos. O título da súa intervención era “Valoración do potencial antidiabético dos aceites de oliva galegos”.
Fotos: Carlos G. Hervella.

