ConcellosÚltima hora

A reparación da ponte de Xunqueira de Espadanedo na OU-536 suporá o corte do tráfico a partir de mañá

Plano do desvío.

 

As obras de reparación da ponte de Xunqueira de Espadanedo na estrada OU-536 farán necesario o corte de tráfico a partir de mañá. Para facilitar a mobilidade dos usuarios desta estrada habilitarase un desvío polas vías OU-0106 e OU-0153 que suporá arredor de 5 minutos de traxecto e pasar de 1,4 a 3,8 quilómetros percorridos.

As actuacións teñen un prazo de execución de 3 meses, supeditado ao estado no que se atope o interior do estribo obxecto da intervención e tamén ás condicións meteorolóxicas para as próximas semanas. O obxectivo destes traballos é asegurar a estabilidade dun dos estribos desta ponte co fin de solucionar definitivamente os problemas xurdidos nos últimos meses. A Xunta realizou en xaneiro sondaxes e un levantamento topográfico completo da ponte, constatándose a deformación dun dos muros do estribo, que agora se procederá a arranxar.

“Cómpre lembrar que, no marco dun contrato máis amplo, a Xunta executou no ano 2023 un saneo profundo da capa de rodaxe na OU-536 en Xunqueira de Espadanedo, onde se detectou un badén no firme. Facendo seguimento a esa actuación constatouse que o firme estaba a repisar, polo que se realizou unha inspección para coñecer o alcance do problema, onde se comprobou a necesidade de acometer unha actuación de calado nun dos estribos da ponte”, sinalan dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Para facer fronte á situación e garantir a circulación en condicións de seguridade, nun primeiro momento restrinxiuse a circulación na ponte a un único carril regulado con tráfico alternativo e fíxose un recheo na zona na que se creou ese badén para evitar riscos cando se circula a velocidade excesiva.

Paralelamente, traballouse na definición da solución definitiva, que é a que se vai acometer agora, a través dun procedemento de urxencia, para evitar que a afectación ao tráfico se prolongue máis do necesario.

Artigos relacionados

Back to top button