A Ribeira Sacra conta cunha nova ruta de sendeirismo baixo o nome de “A Embelesadora” no concello de Taboada. Trátase dunha iniciativa cofinanciada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, a Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia, ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística Ribeira Sacra.
“A Embelesadora” preséntase como unha “ruta sensorial na que sobre todo importa contemplar, ulir, tocar, saborear e escoitar”. A ruta transcorre, durante pouco máis de 10 km, a través de pequenas aldeas, soutos, carballeiras e mesmo á beira do río Miño, permitindo ao visitante a oportunidade de percorrer e descubrir os elementos da paisaxe natural e cultural que este concello atesoura.
O seu percorrido é circular, partindo da capela de Vilela (Taboada). Atópase perfectamente sinalizada (máis de 50 elementos de sinalización), a súa duración estimada é dunhas 3 horas e a súa dificultade media.

“Activamos unha audioguía na plataforma Izi.travel que propón unha experiencia que convida a gozar do roteiro coa posibilidade de ampliar a información da mesma así como vivir experiencias sensoriais vinculadas”, informan dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.
No treito da “Embelesadora”, o camiñante poderase atopar con paisaxes como viñas esculpidas nas ladeiras do Miño, o afamado Castro Candaz (sempre que o nivel do río o permita) ou diferentes mostras de esgrafiados.
“Percorrela ao ritmo e xeito que cadaquén estime é, ben seguro, unha boa e sinxela fórmula que osixena e revitaliza; un convite a deixarse sandar pola natureza dun xeito calmo e ledo; a gozar do agarimo e tenrura das persoas; reaprendendo xuntas da riqueza dos camiños, os de ida e os de volta”, segundo indica o consorcio.