Montederramo convertíase esta mañá en escenario do acto conmemorativo do 900 aniversario da primeira vez que se empregou nun documento oficial a denominación da Ribeira Sacra, baixo a forma de Rovoyra Sacrata. Concretamente nun no que a raíña Teresa de Portugal, xunto co conde Fernando Pérez e co seu fillo Alfonso Enríquez, doan ao Mosteiro de Montederramo o lugar de “Rovoyra Socrata”, cuxos termos se delimitan no territorio de Caldelas, e concede sobre o mesmo privilexio de exención xurisdicional; datado o 21 de agosto de 1124 en Allariz, Ourense.
De aí a escolla deste moteiro como lugar para conmemorar este aniversario tan especial nun acto organizado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, presidido por Luis Fernández Guitián, e que contaba tamén coa presenza do alcalde de Montederramo, Óscar Diéguez; do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; da directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Insua; do deputado de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Carlos López López; do catedrático de Historia Medieval da USC, José Miguel Andrade Cernadas, que leu o escrito “Montederramo, 900 agostos despois”, así como dos alcaldes e concelleiros dos municipios que forman parte do territorio da Ribeira Sacra, entre as provincias de Lugo e Ourense e o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía; o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, entre outras autoridades.

A celebración comezaba ás 12h. coa intervención do rexedor de Monderramo, quen se amosaba moi agradecido pola acollida do evento e aproveitaba para facer un chamamento ás institucións. Recoñecía que se ten investido en concellos rurais como o que el rexe agora, especialmente pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, pero segue a haber necesidades tamén vencelladas ao mantemento de todo o patrimonio.

Logo tomaba a palabra o presidente do Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra e alcalde de Sober, Luis Fernández, que se refería ao termo Rovoyra Sacrata e ao documento no que aparece e tamén facía un repaso a “unha escolla de fitos que foron fornecendo a marca que iniciou a súa pegada hai 900 anos e que nos trae hoxe ata aquí”. E tamén incidía na aposta deste territorio por converterse en Patrimonio da Humanidade, cunha alusión directa á nova candidatura coa que optará a esta distinción da Unesco. “Ribeira Sacra ten os deberes feitos e ten a súa candidatura novamente ordenada para poder ser elixida”.

Deseguido Mario Crecente, coordinador da candidatura a Patrimonio Mundial, daba lectura ao escrito “Montederramo, 900 agostos despois” de José Miguel Andrade Cernadas, catedrático de Historia Medieval da USC, no que se contextualizaba de xeito moi acaído o nome “Rovoyra Sacrata” que figura por primeira vez nun documento datado o 21 de agosto de 1124 en Allariz, no que a raíña Taresa de Portugal, xunto co conde Fernando Pérez e co seu fillo Alfonso Enríquez, doan ao Mosteiro de Santa María de Montederramo, o lugar de “Rovoyra Sacrata”, cuxos termos se delimitan no territorio de Caldelas.
A quenda de intervecións continuaba con Carlos López López, deputado da Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, quen se centraba en ensalzar os valores imponentes de Ribeira Sacra e en poñer de manifesto o compromiso do ente provincial con este territorio.

Tras el, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, amosaba o seu convencemento de que a candidatura “Paisaxe da auga: Ribeira Sacra” acadará o recoñecemento da Unesco como Patrimonio Mundial no vindeiro ano 2026. “Estase ante un longo e ilusionante traxecto do que o Goberno galego quere facer partícipes a todas as persoas implicadas”, dicía.
Neste senso, explicou que desde o departamento de Cultura do executivo galego estanse a impulsar varias xuntanzas nos últimos tempos cos concellos e representantes locais co obxectivo de “escoitar, recoller e poñer en común” todo tipo de valoracións. Precisamente, apuntou ao encontro mantido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o pasado mes na Peroxa cunha trintena de alcaldes e representantes locais deste territorio para trasladarlles a situación da candidatura ou as xuntanzas que se celebran desde xullo en toda a comarca para informar e recoller as suxestións e inquedanzas de toda a veciñanza.

A directora xeral de Patrimonio Cultural incidiu en que se trata dun proceso que pon o foco na participación para que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, “coñezan ben a situación da candidatura e poidan transmitir os seus comentarios e inquedanzas ao redor da mesma” e que ten prevista a súa última sesión, segundo adiantou, o vindeiro 13 de setembro en Nogueira de Ramuín.
Así mesmo aludía á necesidade de ir dando pasos e avanzando coa vista posta no ano 2026, cando a candidatura será avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial. Por este motivo, adiantou que o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, ten que completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco.
Ao respecto, informou de que esta documentación será presentada no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en setembro deste mesmo ano, á que se lle engadirá unha nova entrega cos avance nestes informes en febreiro de 2025. “Trátase dun paso fundamental para que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico”, precisaba.

Finalmente, tomaba a palabra o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen deixaba patente o gran reto ao que se enfronta o desenvolvemento turístico na Ribeira Sacra: “conservando os valores naturais, culturais, sociais e patrimoniais que a conforman, sentando as bases da sustentabilidade”. Do mesmo xeito, conminaba aos responsables das administración e entidades a “impulsar este destino como un espazo sustentable e como exemplo do traballo coordinado entre o público e o privado. Cooperando, alcanzaremos ese milenio para culminar un fito histórico que suporá situar a este máxico territorio no lugar do mundo que lle corresponde”.
Menor lembraba que nos últimos anos “asistimos a un despegue turístico desta zona que trouxo vantaxes económicas, de xeración de riqueza, emprego, e, sobre todo, fixación de poboación. Temos que engadir a todos estes factores a sustentabilidade, que sen dúbida converteranos nun destino más forte e sólido fronte as explotacións masivas”. E, en segundo lugar, avanzou que cómpre darlle pulo a colaboración público-privada.
Tamén apuntaba o presidente provincial que os recoñecementos a este universo “comezaron coa declaración da Ribeira Sacra por parte da Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural o 27 de decembro de 2018, e a declaración, o 15 de setembro de 2021, como Reserva Mundial da Biosfera. E en abril deste ano chegaba a gran noticia: a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, froito do excelente traballo desenvolvido polos responsables desta candidatura”.
Luis Menor explicaba a idiosincrasia dos moitos concellos que viven unidos Ribeira Sacra: “Nin tan sequera o río Sil é unha fronteira. O Sil atravesa a Ribeira Sacra, pero non a divide. Nin hai 900 anos, nin hoxe”. Neste senso, proclamaba que a provincia de Ourense “non pode perder as oportunidades que se lle presentan. Para a provincia que represento, ter unha parte do seu territorio baixo a distinción de Patrimonio da Humanidade constituiría unha enorme vantaxe competitiva”, lembrando como oportunidade o AVE ou mesmo recursos naturais como o Termalismo. “A Ribeira Sacra sempre estivo, máis nunca como ata o de agora fomos tan conscientes da súa importancia, da súa singularidade e do altísimo valor que sempre tivo e que continúa a manter”, afirmaba.
Tanto o presidente da Deputación de Ourense, como a directora xeral de Patrimonio cultural e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra destacaron o entusiasta e incansable labor da xerente deste consorcio, Alexandra Seara, e o seu impulso ao proxecto da candidatura. Seara agradecía esas palabras.

A segunda parte do acto tivo lugar na igrexa, para conmemorar este noveno centenario cunha excepcional e poética viaxe sonora danzada, a cargo de Benxamín Otero e Pablo Sanmamed, nas melodías, e Eva Quiroga, no movemento.
O programa do acto completábase cunha desgustación de viños da D.O. Ribeira Sacra e petiscos no claustro do mosteiro.
Fotos e vídeos: O SIL.


Máis información:
Luis Fernández Guitián: “A marca da Ribeira Sacra iniciou a súa pegada hai 900 anos”