
No marco das actividades do 8-M na Pobra de Trives e de San Xoán de Río inclúese unha conferencia de Amelia Tiganus, “unha voz imprescindible na loita contra a explotación sexual e a violencia de xénero”, destacan os concellos promotores da iniciativa.
Neste relatorio, que terá lugar o 19 de marzo ás 12h. no Auditorio Julio Vázquez de Trives baixo o título “Xuventude, internet e violencia sexual; quen gana?”, Amelia Tiganus combinará a teoría feminista e o marco legal cunha análise crítica baseada nos seus coñecementos teóricos e na súa experiencia persoal. Unha oportunidade única para reflexionar e aprender sobre a importancia dunha sexualidade saudable e libre de violencia.
Amelia Tiganus, sobrevivente da trata de mulleres, nacida en Galati, Romanía, en 1984 e residente actual en Euskadi, é moito máis que unha activista. Escritora, feminista comprometida e formadora en cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da prostitución e a violencia sexual, Amelia é un exemplo de resiliencia e superación.
Recentemente, cumpriu o seu soño de acceder á Universidade, cursando o Doble Grao de Xornalismo, Publicidade e Relacións Públicas pola UDIMA. O seu labor en prol dos dereitos humanos das mulleres e as nenas foi recoñecida con diversos premios e distincións. Ademais, é fundadora e directora de Emargi, un proxecto social que loita de maneira integral por un futuro libre de explotación sexual e reprodutiva de mulleres e nenas, con dimensión local, nacional e internacional.
É autora de obras como o cómic “Amelia: historia dunha loita” (Serendipia, 2021) e o libro “A revolta das putas: de vítima a activista” (Edicións B, 2021), ambos aclamados pola crítica e o público.
“Nunha época marcada pola globalización e o neoliberalismo, a explotación da capacidade sexual e reprodutiva das mulleres converteuse nunha industria global en auxe. A cuarta onda do feminismo sitúa no centro da súa axenda a violencia sexual, que inclúe a prostitución, a pornografía e os ventres de aluguer”, din dende os Concellos da Pobra de Trives e de San Xoán de Río. A actividade está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.