Ata o municipio valdeorrés de Larouco viaxaba esta mañá a secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, para reunirse coa súa alcaldesa, Patricia Lamela, e coñecer as numerosas iniciativas de emprendemento promovidas por mulleres nesta zona.
“Estamos nun dos concellos máis pequenos de Galicia, pero teño que dicir e presumir de que subimos o padrón, superamos os 500 veciños, nos últimos anos naceron 17 nenos, algo do que estamos moi orgullosos. Somos un concello basicamente rural, no que se traballa a viticultura, no que os servizos básicos e as empresas básicas están nun 97% lideradas por mulleres, tanto adegas como a Casa do Maior, a Casa Niño, a farmacia, unha fábrica de castañas, un almacén de cereais…”, destacaba a rexedora de Larouco, incidindo tamén que “somos un concello que traballa só e sempre polos nosos veciños, non podemos facer grandes investimentos, pero si que lles axudamos en todo o que podemos”.
Á súa beira, Paula Prado, resaltaba que Lamela aseguraba que “para min é unha honra estar aquí, Patricia é unha das 29 alcaldesas que temos no PP de Galicia e na provincia de Ourense son 13. Neste senso, eu agardo que nas próximas eleccións municipais incrementemos ese liderado feminino que tanto estamos impulsando dende este partido”. A secretaria xeral do PPdeG estaba acompañada pola secretaria xeral do partido na provincia Ourense, Sandra Quintas, deputados, alcaldes, concelleiros e veciñanza de Larouco.
Prado comentaba que “estamos nun concello rural e o PP é o partido que mellor sabe facer políticas en feminino, poñendo a mulleres á fronte de concellos e de responsabilidades públicas, pero tamén liderando no rural moitos proxectos empresariais, con mulleres que viven no rural pero tamén do rural. E dende o PP hoxe queremos dar un impulso ás políticas do rural e á viticultura, á atención aos maiores, aos nenos, e, como non, a seguir traballando para que nazan máis nenos en concellos tan pequeniños como ese e noutros. E iso nunha provincia como é Ourense, cun importante reto demográfico e hoxe visitaremos as iniciativas de mulleres que traballan no rural, que viven do rural e coñeceremos o emprendemento en feminino neste municipio”.
A partir de aí, Prado iniciaba un percorrido por iniciativas emprendedoras en feminino como a gardería, a farmacia, un almacén de cereais… Despois tiña lugar unha reunión de traballo.
Fotos: Carlos G. Hervella.