Volvendo ás súas orixes, é dicir, unha semana antes das Festas do Cristo, se presenta a 34ª Semana de Cine do Barco de Valdeorras. “Ata o 90 sempre foi a primeira semana de setembro, do 2 ao 9, do 1 ao 7, segundo como caera no calendario e a experiencia de facela en agosto foi bonita mentres durou pero ultimamente xa non o era por iso decidimos cambiar para que, cando a xente se incorpore ao seu horario laboral, darlle unha actividade para as noites, ir facendo boca para a festa”.
Así o explicaba José María Rodríguez, o presidente do Cine Club Groucho Marx, responsable da organización coa colaboración e beneplácito do Concello do Barco, na presentación que tiña lugar na mañá deste mércores 27 de agosto.
Esta edición da Semana de Cine, que se celebrará do 1 ao 7 de setembro, será “a semana da avestruz”, dixo José María, xa que “darémoslle unha volta ao que está pasando no mundo a través de sete filmes”, coma sempre con representación do cine galego, internacional e tamén infantil. “Hai unha película ecoloxista, poutra sobre a emigración que nos vén, outra que fala sobre a discapacidade, outra sobre o abandono, o maltrato… e a peza estrela de Óliver Laxe sobre a desaparición”.
Con respecto ao cartel desta edición é obra de Pablo Framiñán (fillo de Chere), membro dunha familia de artistas que leva feito moitos dos carteis deste ciclo e a exposición que estará no Teatro Lauro Olmo durante a semana será da obra de Fran Bendollo.

A butaca de honra desta edición será para Federación de Cineclubs de Galicia e tamén se presentará o libro Os trasnos da lanterna de Valentín Barreiros Bermejo.
FILMES DE CINE DE ACTUALIDADE
- Ante de nós de Ángeles Huerta
- Os Tartaruga de Belén Funes
- Doñana de Carmen Rodríguez
- Unha quinta portuguesa de Avelina Prat
- Xorda de Eva Liberdade
- Setembro de Carlos Aceituno
- Siral de Oliver Laxe
FILMES DE CINE INFANTIL
- Kayara a guerreira do Imperio Inca de Cesar Zelada, Dirk Hampel
- Moon, meu amigo panda de Gilles de Maistre
- Ne Zha 2 de Yu Yang
Catálogo da 34ª Semana de Cine do Barco
Haberá dúas sesións para o cine de actualidade (19:30 e 22 horas) e unha para o infantil (16:30 horas).
Na presentación, a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, deu as grazas, coma sempre ao Cine Club por organizar esta actividade, lembrando a vaga de lumes que arrasou Valdeorras hai unha semana.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver