
Do 20 ao 22 de novembro o Club Alpino Ourensán celebrará a súa XXVI Semana Audiovisual. O programa inclúe tres conferencias-proxeccións que se desenvolverán cada un deses días a partir das 20h. no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade, con entrada libre.
A primeira delas, prevista para o día 20, leva por título “Orixe, descrición e seguemento do Transourensán” e correrá a cargo de Antón Gavela, expresidente do Club Alpino Ourensán e Rita González. “O Transourensan configúrase como unha gran arteria de sendeirismo de máis de 100 km que atravesa interesantes zonas da provincia buscando as montañas do macizo central de Ourense e o seu cumio máis alto, a Cabeza de Manzaneda, de 1.778 m de altura”, explican dende a organización das xornadas.
Xa o 21 de novembro abordarase a “Sima Aradelas: 2 km de descubrimentos, alegrías e compañerismo”, da man de Daniel Ballesteros, Ignacio Rafael, Celso Pérez. Nesta sesión lembrarase como no ano 2024, foron descubertos 2 km de galerías, salas e pozos virxes na sima de Aradelas, a cova máis fonda de Galicia, situada no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. “Estes achados son o resultado da cooperación espeleolóxica de nove clubs galegos, entre os que destaca o Club Alpino Ourensán, co apoio de dúas entidades asturianas”, indican.

Finalmente, o 22 de novembro o ciclo completarase con “Manaslú, luces e sombras no corazón do Himalaia”, coa intervención de Gonzalo Fernández. “Despois do cumio no Gasherbrum 2, Gonzalo Fernández entra nunha nova proxecto: volver facer un oito mil. Desta volta en Nepal onde, co seu equipo, tentarán facer o cume do Manaslu (8.163 m). Como en anteriores expedicións, a non utilización de osíxeno ou a axuda dos sherpas sumarán un alto grao de compromiso a esta nova aventura”, segundo os promotores das xornadas.
Na exposición poderá verse como foron “trinta días de loita durante os que avalanchas, tempo adverso, aglomeracións e outros contratempos fixeron desta expedición unha loita a vida ou morte. Un ataque en solitario cara arriba levou a Gonzalo Fernández ao límite das súas capacidades”.