DeportesÚltima hora

A sima Aradelas (Folgoso do Courel), protagonista do I Encontro Ibérico de Espeleoloxía do 18 ao 19 de setembro

Interior da sima Aradelas (Folgoso do Courel).

 

Un lago, multitude de formacións (estalagmitas, estalactitas, columnas, gours, pisolitas, helicitas ou excéntricas) ata 2 km de galerías e pozos virxes na cova máis profunda de Galicia, a sima Aradelas, ao norte do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Era a descuberta que realizaban nunha exploración exhaustiva realizada ao longo de dous anos por equipos espeleolóxicos galegos e asturianos e que cuxos resultados se daban a coñecer no outono do 2024. Ademais, convertíase a cova nunha travesía ao atopar unha segunda entrada. Isto dalle un maior atractivo para os afeccionados a este deporte xa que poden entrar por un punto e saír por outro.

Agora esta singular cova será escenario do Primeiro Encontro Ibérico de Espeleoloxía, que se desenvolverá en Folgoso do Courel na fin de semana do 18 e 19 de setembro. A iniciativa está promovida precisamente por un dos clubs que participaban nesa exploración, o Espeleoclub Aradelas, coa colaboración das federacións española e portuguesa de espeleoloxía, así como da federación galega. Tamén se conta co apoio do Xeoparque Montañas do Courel.

“É primeira vez que se organiza este tipo de evento, que busca fomentar a relación e o irmandamento entre as federacións española e a portuguesa e decidimos organizalo dende o noso club aproveitando que celebramos o 40 aniversario”, explican dende o Espeleoclub Aradelas.

 

 

O programa deste evento, cunhas 48 persoas inscritas, iniciarase o venres 18 ás 20h. en Acampamento O Courel, cunha recepción e entrega de documentación aos participantes. Despois, na Aula da Natureza, impartirase unha charla-proxección amosando os resultados da última exploración da cova, que a convertía na sima máis profunda da comunidade. A continuación os asistentes compartirán unha cea en Casa O Ferreiro.

A xornada do sábado terá como referente principal unha ruta técnica para os espeléologos. Ás 9:30h. farase a organización dos grupos e ás 10h. sairase rumbo á sima Aradelas para realizar a travesía polo seu interior (Arcoia, La Cripta e Tarelo), onde tamén se xantará.

“A idea deste encontro é darlle ontinuidade ao labor de exploración feito en Aradelas no seu día e proxectar esta cova cara o resto do Estado e cara á xente de Portugal para que saiban a riqueza espeleolóxica coa que contamos en Galicia. Aínda que temos poucas cavidades e son de pouco desenvolvemento, si temos cousas moi interesantes, e Aradelas sen dúbida é do mellor, do máis bonito e do máis completo. E unha cova con entidade e con autoridade. E O Courel e Valdeorras, toda a zona de sur de Lugo e norte de Ourense é preciosa, entón a nosa intención era atraer á xente do resto do Estado cara Galicia para que nos coñezan un pouco”, explican dende o Espeleoclub Aradelas.

 

 

Para os acompañantes dos espeleólogos a organización ten prevista unha ruta cultural pola zona con saída ás 10h. dunha excursión cara o pregamento de Campodola, o Museo Xeolóxico de Quiroga e o Val da Moura.

Pola tadiña, ás 20h. os espeleólogos retornarán ao Acampamento O Courel e logo terá lugar unha charla institucional da Federacióni Portuguesa de Espeleoloxía, seguida dunha cea de confraternidade. E, como broche do programa, haberá un concerto de Xenderal e un sorteo de material.

Nesta encontro a organización tamén aposta por involucrar ao tecido socioeconómico da zona, contando coa colaboración de establecementos como Acampamento O Courel e Casa O Ferreiro. “Xa cando organizamos a exploración, sempre intentamos varrer cara casa e os nomes das salas e das galerías que se descubriron en Aradelas levan os nomes dos restaurantes e dos bares da zona”, explican os promotores deste evento espeleolóxico que coloca a esta cova no marco ibérico.

Ademais este foro nace con vocación de continuidade. “A nosa intención é que este sexa o primeiro encontro e que a partir de aquí se repita todos os anos, é dicir, que cada ano un club, un portugués un ano e outro español ao seguinte, se encargue de organizar esta iniciativa de irmandamento entre as dúas federacións. Nós creámolo con esa intención, para que perdure no tempo e se repita de forma alternativa nun país e noutro”, conclúe o Espeleoclub Aradelas.

Fotos cedidas polo Espeleoclub Aradelas.

 

 

 

Back to top button