En portadaOurenseÚltima hora

A singular pintura da barquense Lola Doporto faise selo de correos e tarxeta prefranqueada

Presentaranse mañá en Ourense na Oficina Principal de Correos. Para o selo foi escollido o seu "Gaiteiro de Penalta" e para a tarxeta o seu cadro "O Afiador"

Lola Doporto, co selo de correos e coa tarxeta prefranqueada./ Foto: O SIL.

 

A creación pictórica de Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco), volve cobrar vida fóra do lenzo. E, ademais, por primeira vez, faino en forma de selo de correos e como postal. Así o venres, 20 de decembro de 2024, ás 12:30 h, presentarase, na Sala da Deputación na Oficina Principal de Correos de Ourense, un selo e unha tarxeta prefranqueada con obras representativas de Lola Doporto.

Esta creadora é capaz de fusionar tradición e modernidade na súa obra, reflectindo a esencia galega cunha mirada contemporánea. A obra escollida para o selo é “O gaiteiro de Penalta”, exposta por primeira vez no Mosteiro de San Salvador de Celanova, facendo unha chiscadela a Curros Enríquez.

Por outra banda, a tarxeta ilústrase con o cadro “O Afiador”, co que se quere render unha homenaxe ao recentemente falecido Florencio de Arboiro, natural desta localidade de Río e o maior coleccionista de rodas de afiar que dedicou a súa vida para poñer en valor este tradicional oficio ourensán.

Ambos cadros pertencen á exposición “Morriña de Estrelas”, coa que a creadora xa percorreu varias cidades, entre elas Madrid e Ourense. No acto de presentación a artista estará acompañada polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o presidente da Sociedade Miño, José Barros; a vicesecretaria de FESOFI, Marila Abad; o director da Oficina Principal de Correos de Ourense, Orlando Cidy; o concelleiro de Deporte, Mocidade e Participación Cidadá do Concello do Barco, Aurentino Alonso.

Así, a partir do 20 de decembro dúas obras de Lola Doporto percorrerán o mundo a través do correo postal levando con elas a esencia de Galicia.

Back to top button