Os beneficios do aceite de Quiroga, os estudos e análises feitos e a liña a seguir para chegar a unha boa comercialización deste produto. Eran algúns dos aspectos principais que se analizaban na tarde do venres 29 de maio no decurso do I Congreso Internacional do Aceite de Quiroga que se desenvolvía de forma virtual.
“Saudable, especial, diferenciador e un referente na comunidade” eran as palabras coas que definían a este aceite os expertos participantes neste encontro do mundo da oleicultura. Nel afirmouse a importancia do Aceite de Oliva Virxe Extra (categoría á que pertence o aceite de Quiroga) para axudar a previr as enfermidades cardiovasculares. O doutor Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA, afirmou que este aceite “é un suplemento fundamental de prevención cardiovascular” certificado por moitos estudos.
A Universidade de Vigo, a través das profesoras Beatriz Cancho Grande e Carmen González Bouza, foi quen levou a cabo a investigación na que se comprobou que as oliveiras brava e mansa do val do Sil son variedades autóctonas. Tras esta comprobación, agora estudan o aceite quirogués coa axuda dos olivicultores da zona. Ademais están a traballar nun proxecto co Hospital de Ourense, no que o vindeiro ano farán un ensaio con persoas diabéticas, para demostrar que o consumo deste aceite autóctono pode mellorar a saúde destes enfermos.
Manuel Rafael Pérez Prados e Fernando Vázquez Miranda, do Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria (ICA), apoiaron ao Concello de Quiroga á hora de estudar e analizar o aceite e cualificaron de “algo moi especial” o que se atopa nas 66 hectáreas dedicadas a este cultivo nesta comarca lucense, das que 42 son de oliveiras autóctonas (máis mansa que brava), cunha produción que rolda os 25.000 litros de aceite anuais. Ademais hai en proxecto outras 33 hectáreas preparadas para ceder a súa explotación por AGADER.
A gran cantidade de contido fenólico dos aceite de Quiroga foi o que destacou o profesor Feliciano Priego Capote do departamento de Química Analítica da Universidade de Córdoba. O consumo preferente de calquera aceite de oliva é de 18 meses, aseguraba e, transcorrido ese tempo perde gran parte do seu contido fenólico, polo tanto, a súa maior propiedade saudable.
O que os aceites de Quiroga dupliquen e incluso tripliquen o seu contido fenólico, fai que transcorrido este período aínda conserven a cantidade precisa para seguir sendo saudables segundo os parámetros marcados pola Unión Europea. En palabras de Priego Capote “isto pode ser algo que serva para diferenciar o aceite de Quiroga e darlle un valor engadido”. Nos compostos fenólicos do aceite de oliva inflúen a variedade de oliva, os traballos agronómicos e etnolóxicos (proceso no muíño) e o procesado, no que o filtrado é esencial.
Francisco Lorenzo Tapia foi outro dos doutores participantes no encontro virtual. Falou do AOVE como alimento vertebrador da dieta mediterránea. Amosou o seu apoio ao aceite de oliva a través da calidade e da cultura da oliveira e o medio ambiente, que comparte con outros cultivos, para rematar nun beneficio para a saúde.
Demostradas as propiedades beneficiosas do aceite de Quiroga nesta videoconferencia tamén se trataron as técnicas de elaboración e a súa comercialización. O codirector de Arco Agroalimentaria, Maximiliano Arteaga, marcou como obxectivo buscar a máxima calidade do froito, empezando pola obtención da planta e rematando polo procesado final, para chegar á comercialización.
Precisamente o tema da comercialización era tamén analizado polo catedrático da Universidade de Xaén, Manuel Parras Rosa, quen a centrou en catro eixos: competitividade, diversificación, sostibilidade e orientación ao mercado. “Un mercado no que os consumidores sexan capaces de valorar o esforzo dos produtores”.
O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, amosou o seu orgullo por “manter o aceite e potencialo traballando para acadar un prestixio importante”. O rexedor cualificou este encontro como “o primeiro congreso” e emprazou a todos os participantes para acudir o vindeiro ano ao congreso presencial do Aceite de Quiroga.