OurenseÚltima hora

A sinistralidade nas vías urbanas da provincia mantense e descende nas interurbanas

A Subdelegación do Goberno en Ourense acollía unha xuntanza sobre seguridade vial coa presenza de representantes dos concellos, da Policía Local de diversos puntos da provincia e doutras institucións

O subdelegado do Goberno en Ourense, presidindo a reunión.

A evolución da sinistralidade en vías urbanas, así como as posibles medidas e recomendacións a adoptar polos principais concellos ourensáns, analizábanse nunha xuntanza celebrada na mañá deste 30 de xaneiro na Subdelegación do Goberno en Ourense.

Segundo os datos aportados polo xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente, a accidentalidade en vías urbanas na provincia de Ourense mantense, mentres que a sinistralidade en vías interurbanas presenta unha tendencia descendente.

Por este motivo na reunión valorouse a transferencia de rúas e travesías que seguen sendo propiedade dos diferentes titulares de estradas aos propios concellos, o que permitiría simplificar os trámites administrativos para poñer en marcha medidas que axuden a incrementar a seguridade nas súas vías e aumentar as opcións de mobilidade segura para os peóns como o estreitamento de carrís, a peonalización das rúas, a pacificación da circulación ou a elevación dos pasos peonís”, segundo indicou David Llorente.

O subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, incidiu en que o obxectivo principal deste encontro é “buscar solucións e ofrecer información para que sexan os propios concellos os que poidan xestionar as súas vías, incrementando a seguridade vial nas mesmas e permitindo humanizar os cascos urbanos”.

Outro dos momentos da xuntanza.

 

Os representantes da Xefatura Provincial de Estradas do Estado, da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense expuxeron os requisitos e as posibilidades para a transferencia de rúas e travesías aos diferentes concellos.

Tamén se procedeu á análise da normativa futura que contempla restricións de velocidade a 30 km/h; da nova mobilidade con vehículos de mobilidade persoal, os coñecidos como patinetes; e das normas que dan preeminencia aos peóns e ás bicicletas nos cascos urbanos.

Na reunión estiveron presentes representantes dos concellos e da Policía Local de Ourense, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Barbadás, Allariz, Celanova, Ribadavia e Maceda.

Na mesma tamén participaron representantes doutras institucións como a Xefatura Provincial de Estradas do Estado, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, dado que son titulares de vías nos cascos urbanos de diversos concellos da provincia.

Artigos relacionados

Back to top button