
Os representantes dos cinco consellos reguladores vitivinícolas de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) mantiñan neste venres unha reunión de traballo co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
O encontro servía, en particular, para avanzar nos labores de preparación da acción de promoción extraordinaria que se vai levar a cabo este ano en Bruxelas, froito da cooperación entre os consellos reguladores e a Consellería do Medio Rural. O obxectivo desta iniciativa é facer unha exposición pública da situación actual do sector vitivinícola galego e afondar a extensión da calidade deste produto na Eurocámara en particular e, por extensión, na Unión Europea.
Ademais, na xuntanza abordouse a situación actual e perspectivas de futuro do sector vitivinícola galego diante de circunstancias como os aranceis impostos por Estados Unidos ou o descenso do consumo de viños tintos.
Neste sentido, o representante da Xunta reafirmou o compromiso de apoio do Goberno autonómico a un sector clave do rural galego, como é do viño, en eidos como o fomento da produción, a reestruturación e reconversión do viñedo, o control e impulso á calidade ou a promoción nos diferentes mercados.