ConcellosTrivesÚltima hora

A sonoridade do Entroido envolverá Trives co XX Encontro de Folións este domingo

Ata 13 folións percorreran as rúas trivesas na actividade organizada pola Asociación do Folión Os Labregos

O Folión Os Labregos no encontro do pasado ano./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Trives acollerá o vindeiro domingo 23 de febreiro a partir das 15:30h. o XX Encontro de Folións, promovido polo Folión Os Labregos. Un total de 13 folións percorrerán a vila. Serán a Asociación Xuntos polo Fulión (Vilariño de Conso), os fulións de Carracedo da Serra (A Gudiña), Buxán (O Bolo), Fradelo (Viana do Bolo), Manzaneda, A Veiga, A Caniceira, Sobrado de Trives, A Lardeira, Os Arrieiros de Petín, O Fiadeiro e Chandrexa de Queixa, ademais dos organizadores, Os Labregos.

O percorrido deste ano será máis longo que en edicións anteriores. Os folións partirán dende a Finca da Barreira e percorrerán as rúas de Trives ata chegar á zona vella, prolongando o seu desfile ata a Praza do Concello en lugar de finalizar na Praza do Reloxo.

Desde a Asociación Os Labregos destacan a importancia desta cita. “Esta data serve para unir a moita xente que, igual o resto do ano, nin se ve”, sinalan. O Encontro de Folións representa unha gran riqueza interxeracional, xa que conta con participantes de todas as idades, dende meniños ata persoas de arredor de 80 anos.

Dende Os Labregos, convídase a toda a veciñanza e visitantes a gozar desta celebración. “Benvidos ao noso Entroido! Desfrutade coma nós de algo que é o noso”.

Un cartel que resalta a beleza natural de Trives

Este ano, o cartel do evento aposta por mostrar “as impresionantes vistas coas que espertamos todos os días, sabendo que vivimos nun lugar privilexiado, un encrave único dentro da Ribeira Sacra: o Miradoiro de Penas de Rome, sendo un dos barrancos máis impresionantes da Península Ibérica”. Desde este punto, pódese contemplar o Val do Navea, que se funde co Bibei na Primeira Paisaxe Protexida de Galicia, destacando así o encanto do Macizo Central Ourensán.

Back to top button