EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A ‘sumiller’ Manuela Romeralo, o viticultor Ramón Senra, AGASU e a Guía Paadín, premiados pola D.O. Ribeiro

A gala destes galardóns, enmarcada na Semana do Ribeiro, celebrarase o 2 de xullo no Auditorio Mar de Vigo

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro engadiu novos nomes á lista de gañadores dos XV Premios D.O. Ribeiro, que se celebrarán o 2 de xullo ás 19.00 horas no Auditorio Mar de Vigo. Así, xunto a José Peñín, creador da prestixiosa Guía Peñín de Viños e Persoeiro de Honra desta edición, serán galardoados a sumiller Manuela Romeralo, responsable da xestión da oferta vinícola dos restaurantes de Quique Dacosta en Valencia, distinguida co Premio Universo Sumiller; o viticultor Ramón Senra Pereiras, co Premio Vida entre Vides; a Asociación de Sumilleres de Galicia (AGASU), que preside Juanjo Figueroa, co Premio Ribeiro en Nós, e a Guía Paadín de Vinos, Destilados e Bodegas de Galicia, elaborada por Luis e Alejandro Paadín, que recibirá o Premio Mellor Tarefa de Comunicación.

Por outra banda, e durante a gala, o Consello Regulador da D.O. Ribeiro distinguirá tamén aos locais que ao seu xuízo destacan como Mellor Taberna-Bar de Viños, Mellor Vinoteca–Tenda Especializada e Mellor Servizo de Viño en Restaurante, e entregará os premios aos viños gañadores da Cata Oficial, que se coñecerán durante a propia cerimonia.

Ademais, cabe lembrar que a gala se enmarca na celebración da Semana do Ribeiro, un programa que incluirá diversas actividades de promoción e divulgación, que converterá á cidade no escaparate da denominación de orixe e reforzará a súa visibilidade tanto entre o público xeneral como entre os profesionais do sector.

MANUELA ROMERALO. O Premio Universo Sumiller será para Manuela Romeralo, responsable da xestión da oferta vinícola dos restaurantes de Quique Dacosta en Valencia e unha das voces máis influentes da sumillería española, que sempre “defendeu publicamente a importancia da diversidade vitivinícola española e o valor das variedades autóctonas, unha filosofía que encaixa plenamente coa identidade do Ribeiro, onde uvas como a Treixadura, Godello, Loureira ou Albariño son protagonistas”.

Nada en El Romeral (Toledo, 1970), é unha das sumilleres máis recoñecidas de España e unha figura de referencia no ámbito da gastronomía e a sala. A súa traxectoria destaca pola excelencia no mundo do viño, os destilados, os puros e outros produtos gastronómicos, así como polo seu labor como formadora e directora de restaurantes de alta cociña.

Romeralo sempre apostou por unha carta de viños ampla e diversa na que teñen moita presencia as referencias galegas. Defensora do viño como expresión do territorio, nas súas propostas de maridaxe concede un papel salientable aos viños atlánticos pola súa frescura, acidez e capacidade para acompañar peixes, mariscos e verduras, produtos moi presentes tanto na cociña galega como na de Quique Dacosta.

RAMÓN SENRA PEREIRAS. Máis de media vida coidando as viñas familiares valéronlle ao viticultor Ramón Senra Pereiras o Premio Vida entre Vides, sendo unha das persoas máis queridas do sector. Ramón fíxose cargo das viñas en 1984 e desde entón estivo traballando nelas como provedor dunha das adegas rexistradas na Denominación de Orixe. “Son uvas moi boas porque o sitio é o idóneo, pero vivir disto faise moi difícil”, asegura Ramón enumerando algunhas das complicacións que hai, como a dificultade para atopar persoal para traballar nas viñas, as enfermidades que atacan ao viñedo, como por exemplo o mildiu, ou as condicións climáticas adversas que se van dando ano a ano, que fixeron que “cada ano sexa máis difícil o coidado dos nosos viñedos”.

Recoñece o seu amor polos viñedos e sobre todo polo Ribeiro, “o mellor viño do mundo”, pero confesa que “este labor é moi dura”, dicindo que “si volvese nacer pensaríame dúas ou tres veces elixir o camiño de ser viticultor, aínda que pola miña paixón, acabaríao elixindo seguro”.

“Moi feliz” co galardón, “aínda que creo que hai moitas persoas que, como eu, poderiamos recibilo”, Ramón Senra será homenaxeado este ano pola súa “dedicación plena ás viñas e ao Ribeiro”.

A ASOCIACIÓN GALEGA DE SUMILLERES (AGASU), unha das entidades de referencia na promoción da cultura do viño en Galicia, recibirá o Premio Ribeiro en Nós polo seu “papel de difusión da cultura do Ribeiro, achegando os seus viños ao consumidor e reforzando o seu prestixio no ámbito da restauración e a gastronomía galega e nacional”.

Presidida por Juanjo Figueroa, AGASU foi fundada en 1994 e reúne a profesionais da sumillería, a enoloxía, a hostalería, a restauración e a distribución co obxectivo de impulsar a formación, a profesionalización do sector e a divulgación dos produtos vitivinícolas galegos. A través de catas, xornadas técnicas, visitas a adegas e accións formativas, a asociación contribúe a poñer en valor a calidade e singularidade das distintas denominacións de orixe da comunidade, entre elas a do Ribeiro, unha das máis representativas e con maior tradición histórica.

A súa estreita vinculación coa D.O. Ribeiro reflíctese na participación habitual dos seus asociados en actividades de formación, catas e eventos organizados na comarca, así como no seu labor como prescritores destes viños.

A GUÍA PAADÍN DE VINOS, DESTILADOS E BODEGAS DE GALICIA recibirá o Premio Mellor Tarefa de Comunicación. Realizada polo sumiller e docente Luis Paadín xunto ao seu fillo Alejandro Paadín, é unha das publicacións de referencia para o coñecemento e divulgación do viño galego, desempeñando un papel fundamental na promoción das denominacións de orixe da comunidade, entre elas a D.O. Ribeiro, contribuíndo a poñer en valor a súa calidade, diversidade e identidade, grazas ao seu rigoroso traballo de cata, análise e difusión.

O seu compromiso coa divulgación, o recoñecemento do traballo de adegas e viticultores e a proxección do patrimonio vitivinícola galego convértena nunha ferramenta esencial para fortalecer o prestixio e a visibilidade do D.O. Ribeiro dentro e fóra de Galicia.

A Guía Paadín, creada en 2011 co obxectivo de documentar, analizar e divulgar o patrimonio vitivinícola galego desde unha perspectiva rigorosa e independente, reúne cada ano miles de fichas de cata e ofrece un completo percorrido polas adegas, variedades autóctonas, territorios e denominacións de orixe de Galicia.

Ao longo de quince edicións distinguiuse polo seu carácter divulgativo e por ser unha publicación libre de publicidade, sustentada nun exhaustivo traballo de campo e cata realizado por un amplo equipo de profesionais.

Alén de valorar os viños e destilados galegos, incorpora estudos sobre solos, climatoloxía, variedades de uva e historia da viticultura, contribuíndo á promoción e coñecemento de denominacións históricas como Ribeiro e consolidándose como unha ferramenta de referencia para consumidores, catadores e profesionais do sector.

Back to top button