En portadaÚltima hora

A superficie afectada polo incendio de Riodolas (Carballeda), que segue activo, chega ás 950 hectáreas

Ademais seguen activos o lume de Pradoalbar, 3 en Quiroga, 3 en Folgoso e 2 na Pobra do Brollón

Incendio forestal en Riodolas (Carballeda de Valdeorras)./ Imaxe cedida.

 

O incendio forestal de Riodolas (Carballeda de Valdeorras) roza xa as 1.000 hectáreas de superficie afectada e continúa activo, segundo vén de informar a  Consellería do Medio Rural, con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe. Este lume permanece activo desde as 22,09 h. do pasado xoves e afecta unha superficie estimada de 950 hectáreas provisionais. No seu control levan participado en total 3 técnicos, 14 axentes, 31 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 2 avións e 6 helicópteros.

Tamén continúa activo o incendio forestal de Pradoalbar (Vilariño de Conso) desde as 6,57 h. de onte. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 160 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 1 técnico, 5 axentes, 19 brigadas, 5 motobombas, 2 pas, 2 avións e 6 helicópteros.

Ademais moi preto da comarca de Valdeorras, na parte sur da provincia de Lugo hai un total de oito incendios activos que superan as 20 hectáreas: 3 en Quiroga, 3 en Folgoso do Courel e 2 na Pobra do Brollón.

2 lumes na Pobra do Brollón

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde as 20,37 h. do xoves e afecta unha superficie provisional de 550 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 2 técnicos, 13 axentes, 22 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 4 avións.

Activo desde as 21,14 h. do xoves outro incendio na Pobra do Brollón, tamén na parroquia de Saa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.

3 lumes en Folgoso do Courel

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Seceda. Este lume iniciouse á 1,40 h. de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 950 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 9 axentes, 15 brigadas, 6 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros. Neste lume está participando a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. do xoves e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 3 técnicos, 12 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Permanece tamén activo o outro lume de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que comezaba o xoves ás 20,25 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 500 hectáreas provisionais. No seu control traballaron ata o momento 15 axentes, 16 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 4 helicópteros.

 

Un dos incendios do municipio de Quiroga./ Foto: Brif Marroxo.

 

3 incendios en Quiroga

Permanece activo desde as 20,29 h. do xoves o incendio no concello lucense de Quiroga, parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 14 axentes, 13 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 4 avións e 2 helicópteros.

Segue activo desde as 11,42 h. de onte outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 3 axentes, 6 brigadas, 3 motobombas e 3 helicópteros.

Continúa activo un terceiro incendio forestal en Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. de onte e afecta unhas 90 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 4 axentes, 15 brigadas, 7 motobombas, 2 avións e 1 helicóptero.

Melón

Continúa controlado desde as 19,34 h. de onte o lume rexistrado no municipio ourensán de Melón, parroquia de Quins, que se orixinou ás 22,38 h. do martes. Segundo as últimas medicións, afecta unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No seu control participaron ata o de agora 21 axentes, 32 brigadas, 28 motobombas, 4 pas, 3 avións e 6 helicópteros.

Ribadavia

Permanece estabilizado desde as 14,29 h. do xoves o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que comezara ás 22,11 h. do luns. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 31 axentes, 62 brigadas, 45 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 avións e 9 helicópteros.

Artigos relacionados

Back to top button