ConcellosQuirogaÚltima hora

A traída de auga e os desbroces, temas prioritarios para o grupo de goberno quirogués, que prepara os orzamentos

Fachada da Casa do Concello de Quiroga.

 

O equipo de goberno de Quiroga traballa na elaboración do novo orzamento que levará a sesión plenaria para a súa aprobación. Un orzamento que presentan como  “diferenciador e que dará a cada área a economía necesaria para traballar e cubrir servizos básicos”. Estes serán os primeiros orzamentos que elabore este goberno local e vai encamiñado a “atender a todos os cidadáns, escoitando suxerencias, demandas, ideas e tamén críticas.  Ideas dende os Servizos Sociais, actividades para os maiores, para os máis pequenos, mellorar e crecer en deporte, atención as aldeas e a inquietude de mellorar edificios en mal estado como o Albergue Municipal, unido á atención de demanda de obras é o primordial para este ano”.

Outra cuestión é a do servizo municipal de auga, “un tema herdado e complicado” pero que terá que asumir pois “é a nosa responsabilidade”. Co inicio das choivas de outono a auga chegou turbia. “O gran incendio ocorrido durante o verán do 2022, unido aos movementos de terra precisos para sacar a madeira queimada, fixeron que a chuvia arrastrase gran cantidade de terra á zona de captación da traída de auga municipal. Isto sumado á deficiente rede de tubaxe, provocou numerosos cortes no subministro dunha auga que xa non chegaba nas mellores condicións. O grupo de goberno é consciente deste gran problema e admite as críticas, pero tamén é consciente de que o remedio non se pode acometer inmediatamente”, aseguran. “A nosa inquietude sobre a auga é primordial, pero unha débeda anterior sumada a uns escasos presupostos, dificultan a inversión; non obstante vaise estar sobre este tema por afectar a toda a veciñanza”, indica o grupo de goberno quirogués.

De feito xa se comezou a traballar. O primeiro paso foi realizar unha memoria que se trasladou ás distintas administracións. O propio alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, encargouse de presentala ante a Xunta de Galicia, mentres que outros concelleiros do grupo de goberno presentárona na Deputación Provincial de Lugo. A idea é construír un novo depósito de almacenamento con máis capacidade para que en momentos de choiva se poda dispoñer de auga nas mellores condicións sen ter que usar a da captación se ve turbia.

Outro tema prioritario ademais da auga son os desbroces, unha das maiores demandas dos veciños. “No pasado verán dende a Concellería de Medio Rural tentouse cubrir todas as demandas cos GES. Este ano conseguíronse 120.000 € da Deputación Provincial para a compra dun tractor con desbrozadora co que se pretende cubrir as necesidades esenciais das aldeas e parroquias. Farase unha folla de ruta tentando que se chegue a todas elas”, indica o grupo de goberno.

Tamén a través da Deputación, concretamente do Plan Único, dispoñerase de 350.000 € que se destinarán a obras, turismo, servizos sociais, medio rural,… tal e como está marcado dende o ente provincial. No referente a obras a idea é tentar que estas “non sexan moi grandes pero que poidan cubrir todas as necesidades, dándolle prioridade ás máis necesarias”, indica o grupo de goberno, que tamén ten en mente regular o tráfico e “actuar ante o incivismo, incivismo tanto dos propietarios de mascotas como dos que tiran o lixo en calquera parte. No tráfico poñerase énfase nos pasos de peóns e no cumprimento das normas de tráfico e de respecto aos cidadáns. No referente ás mascotas, dende a Concellería de Medio Ambiente colocáronse papeleiras con dispensador de bolsas para recoller os excrementos das mascotas, non obstante seguen habendo unha relaxación neste sentido que se ten que erradicar; pasear os cans atados e recoller os excrementos é de obrigado cumprimento. Pendente tamén se estivo dende Medio Rural dos vertedoiros incontrolados, a pesar de abrir gratuitamente un día ao mes o punto limpo seguen aparecendo, polo que o Equipo de Goberno velará para que este punto se utilice non por ser gratuíto se non polo ben do medio ambiente”.

Recentemente creouse a Concellería para o Reto Demográfico. “O primeiro paso foi unirse a plataforma Aldealista, coa intención de axuntar esforzos para que a xente veña a vivir ao mellor val da zona. A intención de poñer en marcha un coworking dirixido por profesionais para apoiar e orientar a futuros empresarios e facer un viveiro, un lugar físico, onde os novos empresarios poidan executar o aprendido ou poñer en marcha a súa empresa”, di o grupo de goberno quirogués.

Dende o departamento de Servizos Sociais reactívanse as instalacións do Centro Social cubrindo a demanda existente e ofertando novas actividades como o Faladoiro que se acaba de poñer en marcha. Mentres que se potencia o Centro de Día animando a coñecer estas instalacións e organizado xornadas de formación.

A área de deportes continúa coa inquietude de ir cubrindo toda a demanda deportiva e tamén moi centrada co maior evento deportivo co que conta Quiroga nestes momentos o  Quiroga Trail Challenge. “Sen esquecer a importancia do turismo para Quiroga, vanse potenciar todos os recursos. No referente aos nosos museos – unha das cousas positivas herdadas do anterior goberno- vaise continuar coas xornadas de portas abertas que tanto éxito tiveron o pasado verán. En Montefurado hai un proxecto para crear unha ruta que permita contemplar a boca de entrada do túnel romano, algo moi difícil neste momento. E coa intención de que se vexa o potencial e o valor turístico de toda a zona vanse poñer en marcha visitas guiadas a todos os recursos cos que se conta: rutas, fervenzas, arte urbana,… dirixidas a todos os públicos pero tamén con xornadas específicas para nenos, mulleres”, conclúe o grupo de goberno de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button