PolíticaÚltima hora

A trivesa Patricia Domínguez formaliza a súa precandidatura ás primarias para a Secretaría Xeral do PSdeG de Ourense

Patricia Domínguez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Patricia Domínguez Barja, a alcadesa socialista da Pobra de Trives, vén presentar hoxe a súa precandidatura para optar a Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense. Dá así un paso adiante “meditado e compartido con moitos e moitas militantes socialistas co obxectivo de reforzar e relanzar o proxecto provincial socialista, achegándoo á cidadanía na busca de amplas maiorías, facendo un esforzo previo e máximo de integración”. Así o asegura nunha nota de prensa enviada esta tarde aos medios.

Domínguez Barja exerce o seu segundo mandato como rexedora de Trives, nesta lexislatura con maioría absoluta. A súa traxectoria política e institucional compleméntase coa súa participación na Comisión Executiva Nacional do PSdeG, así como coa súa condición de vogal da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Avogada de profesión, Patricia Domínguez combina a política local “coa defensa dos valores progresistas e o fortalecemento do municipalismo”, comenta. A súa precandidatura busca “representar unha alternativa de unidade, renovación e proximidade para o socialismo ourensán que permita elevar o nivel de apoio cidadán e achegue ao PSdeG ao goberno tanto da Deputación como da capital e mesmo da Xunta de Galicia, pois Ourense é provincia clave para elo”.

Domínguez Barja comenta que “é o momento de abrir un novo tempo para o PSdeG na provincia, cun proxecto construído dende a base e o sentido común, respectando o que se leva feito ben e ao mesmo tempo corrixindo algúns erros do pasado; afastado dos intereses particulares ou mesmo grupais e focalizado nos principios e no interese común, coas portas sempre abertas á militancia e ao sentir maioritario da nosa organización”.

Back to top button