ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A V Xuntanza Veciñal de Solveira (Viana) congrega a un cento de persoas

Esta celebración, que incluía música, un xantar popular e diversas actividades infantís; desenvolvíase o 11 de agosto

Música, gastronomía e diversas propostas lúdicas eran os ingredientes principais da V Xuntanza Veciñal de Solveira, que se desenvolvía a partir das 14:30h. do 11 de agosto nesta localidade do municipio de Viana do Bolo. Nela un cento de persoas saboreaban cordeiro asado no forno de leña do pobo, precedido por entrantes a base de empanada e xamón asado.

“Todos os produtos son adquiridos no entorno para axudar a economía do lugar”, destacan dende a organización, en mans da Asociación de Veciños (AVV) San Adrián de Solveira. Esta xuntanza contaba ademais co apoio da Deputación de Ourense. “O obxectivo principal desta actividade é xuntar aos veciños que, por circunstancias, levan tempo sen verse así como a dinamización da poboación rural”, explican dende a asociación.

 

Un dos momentos da xuntanza en Solveira.

Ademais do xantar, non faltaba a música da Charanga Os Amigos de Solveira e, despois, os máis pequenos divertíanse a partir das 16:30h. con xogos tradicionais, maquillaxe, globoflexia, carreira de sacos, inchables, karaoke, música… Esta actividade foi levada a cabo por D’lecer e co apoio do Concello de Viana do Bolo e da Deputación de Ourense.

Esta V Xuntanza Veciñal de Solveira entra dentro da programación que esta asociación rural da aldea de Solveira, en Viana do Bolo, ten prevista para este ano 2019.

Fotos cedidas pola AVV San Adrián de Solveira.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button