ConcellosO BarcoÚltima hora

A veciñanza de Fervenza viste de Nadal esta localidade barquense

Esta tarde inaugurábase unha orixinal decoración en madeira e materiais reciclados elaborada, principalmente, polas veciñas

 

Multitude de elementos decorativos, totalmente artesanais, engalanan deste este 7 de decembro a localidade de Fervenza (O Barco). Dende árbores, soldadiños e bonecos ata doces de diverso tipo, animais e un singular tren, con agasallos e carbón, locen polos diferentes recunchos desta localidade grazas a unha iniciativa das mulleres da localidade, coa colaboración dalgún veciño. Tampouco falta a casiña do Apalpador.

“Empezamos a decorar o ano pasado, pero a pequena escala, cada unha das veciñas adornaba súa casa como puido e non había ningún tipo de nexo entre a idea que tiña unha e a outra, e este ano decidimos reunirnos, pactar unha temática e máis ou menos ir seguíndoa polas casas e pola aldea. Tamén empregamos material reciclado”, explica Gara, unha das participantes no proxecto.

 

 

Ademais da compoñente festiva e decorativa, detrás desta iniciativa estaba tamén a dimensión social e de promover a unidade entre os poucos veciños que quedan nesta localidade. “Máis que nada para reunirnos e para que cada unha non estivera pechada na súa casa, soa, senón facilitar que nos xuntaramos, colaborar entre todas e facer algo polo pobo”, prosegue.

 

 

 

A idea callou e puxéronse mans á obra. “Empezamos en torno a agosto-setembro a preparalo, todo artesán feito por nós, a excepción das luces e do espumillón”, explican. A montaxe definitiva rematábana onte, “porque non todas estamos en Fervenza durante a semana, entón temos que aproveitar as fins de semanas para reunirnos, facer as decoracións e montar neste caso”. E tras o traballo, a veciñanza compartía unha chocolatada.

 

 

E así, deste hoxe Fervenza vístese de Nadal cunha vestimenta artesá, que contaba coa colaboración do Concello do Barco, que se manterá ata o día de Reis.

Fotos: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button