
O Concello de Verín organiza a sexta edición da Festa da Cervexa, que reunirá os vindeiros días 10 e 11 de outubro no Parque da Preguiza unha ampla selección de bebidas e propostas gastronómicas. A iniciativa forma parte da programación de outono da vila e ofrecerá un espazo de lecer para a veciñanza e as persoas visitantes.
«Un dos atractivos deste evento é poder probar distintas cervexas e atopar no mesmo recinto unha oferta gastronómica para todos os gustos. Queremos que a xente veña con tempo, quede a compartir a tarde ou a noite cos amigos e goce da gastronomía e do ambiente da Preguiza», sinalou o concelleiro responsable da área de Feiras do Concello de Verín, Manuel Lorenzo.
Será un evento centrado nesta popular bebida que contará con máis dunha vintena de variedades de cervexas nacionais e de importación. Os postos cervexeiros situaranse no interior da carpa principal, mentres que os de alimentación se distribuirán en carpas compartidas anexas a mesma e en catro foodtrucks instaladas no exterior.
A oferta gastronómica, composta por doce postos, incluirá salchichas alemás bockwurst e currywurst, hamburguesas gourmet en pan brioche e de razas autóctonas, cachorros quentes, polbo a feira, churrasco, bocadillos, pizzas e opcións veganas. Tamén se poderán degustar xamón ibérico, chourizo, criollo e lacón asado, así como especialidades portuguesas —pregos, francesinhas e bifanas— e elaboracións mexicanas como tacos, quesadillas, burritos e totopos. O apartado doce completarase con churros, crepes e xeados de Bico de Xeado.
O horario de apertura será de 18:00 a 02:00 horas nas dúas xornadas. A música ambiente acompañará a actividade do recinto, creando unha contorna agradable para compartir a experiencia gastronómica.
