CulturaCulturaÚltima hora

A Via Nova romana analizada como oportunidade, nun foro polo 50º aniversario do descubrimento de Aquis Querquennis, en Bande

Bande acollía o 28 de novembro unha xornada cuxo eixo temático era “A Via Nova como oportunidade” e na que se poñía o foco sobre o valor e potencial desta calzada romana que conectaba hai 2.000 anos Bracara Augusta (a actual Braga) con Asturica Augusta (Astorga), atravesando a provincia de Ourense.. O encontro desenvolvíase no marco do 50 aniversario do descubrimento do campamento militar romano de Aquis Querquennis, dende o que se promoveu a súa construción.

No seu decurso organizábanse dous paneis de traballo: un centrado en proxectos en marcha e exemplos de boas prácticas e outro adicado a un banco de proxectos.

Como resultado deste encontro, no que particiaban representantes institucionais, técnicos e investigadores; saía unha declaración conxunta de cooperación tranfronteiriza Galicia-Norte de Portugal que, de xeito íntegro e literal, se reproduce a continuación.

 

 

Declaración conxunta de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal

Co gallo do cincuenta aniversario do descubrimento do campamento militar romano de Aquis  Querquennis responsable da construción da Via Nova, celebrouse un workshop para  representantes institucionais, técnicos e investigadores dos territorios transfronteirizos historicamente conectados pola antiga calzada romana.

A xornada buscaba favorecer un espazo de diálogo para fortalecer a cooperación no eixo  Galicia-Norte de Portugal e propoñer accións e solucións de gobernanza multinivel perante desafíos compartidos como o despoboamento, a descarbonización e a valorización do patrimonio cultural.

As entidades participantes —entre elas a Fundación CEER, o Negociado de Planificación de Fondos Europeos da Deputación de Ourense, a Universidade do Minho, o IGME, a Universidade de Vigo, o CSIC, así como representantes de empresas e varios concellos polos que discorre esta vía, entre outros axentes territoriais— expresan mediante a presente declaración o seu compromiso de cooperación cunha estratexia compartida de
desenvolvemento sostible en base aos seguintes principios básicos:

1. Unha cooperación baseada no coñecemento e a evidencia científica

As persoas participantes reafirman a necesidade de impulsar iniciativas aliñadas cos principais marcos europeos de investigación e innovación —Horizonte Europa, Interreg España–Portugal (POCTEP), etc—, incorporando resultados de estudos recentes sobre despoboamento rural, transición enerxética e valorización do patrimonio cultural como vector de competitividade territorial.

2. Patrimonio cultural e natural como eixo de resiliencia territorial

O cincuenta aniversario do descubrimento do campamento romano de Bande evidencia o enorme potencial do patrimonio como infraestrutura estratéxica para a cohesión social, a mobilidade cultural e a dinamización socioeconómica do interior peninsular. A xornada constata a necesidade de articular proxectos que integren arqueoloxía, xeoloxía, paisaxe, recursos naturais e participación comunitaria, en coherencia coas recomendacións do Consello de Europa sobre xestión integrada do patrimonio.

3. Axenda compartida fronte a desafíos globais como o despoboamento

En liña cos plans nacionais e autonómicos de transición ecolóxica e reto demográfico, os participantes acordan promover iniciativas conxuntas que faciliten a retención de poboación e a creación de emprego cualificado, situando o territorio transfronteirizo como laboratorio de innovación rural.

As entidades asinantes manifestan a súa vontade de consolidar unha plataforma permanente de cooperación institucional, científica e social que permita dar continuidade a este encontro, proxectalo internacionalmente e posicionar o eixo Galicia–Norte de Portugal como referente europeo en xestión integrada do patrimonio, desenvolvemento rural e transición ecolóxica. A cooperación transfronteiriza concíbese, así, como un activo estratéxico que reforza a competitividade global do territorio.

En Bande, ao 28 de novembro de 2025.

Fotos cedidas.

Back to top button