CulturaCulturaÚltima hora

A vida compartida co río Sil, nun mural da praia fluvial do Barco

 

Nova cita coa arte colectiva e compartida nas festas do Cristo do Barco. Por cuarto ano consecutivo, o artista barquense Gerardo Rodríguez Ramos “Chere” coordina xunto ao seu irmán Manolo, un mural de teselas no Barco. Nesta ocasión, na que se volve a intervir na parede da praia fluvial, tamén se incorpora ao proxecto a artista de Bueu Susana Ferradás.

A creación do mural, que se iniciaba arredor das 10h. deste sábado 11 de setembro e continuará ao longo da fin de semana, está aberta a participación de nenos e maiores, veciños e visitantes do Barco, que poderá colocar as súas teselas, aportando así a súa creatividade a esta obra.

“A idea é cubrir a parede de fauna acuática que xa se fixo e unir os peixes cun río e coas piraguas, para, dese xeito, intentar darlle unidade ao conxunto, para vincular ambos mosaicos e que os elementos non queden deslabazados”, adianta Chere.

A temática desta obra volve ao río Sil, tras a paréntese do ano pasado na que se lle rendía unha emotiva e especial homenaxe aos heroes da pandemia con “Aperta”.

Entre as persoas que comezaban a traballar no mosaico estaba unha familia de Lugo, “que xa participou o ano pasado”, comenta Chere, quen tamén lamentaba un desafortunado incidente co que se atopaban esta mañá ao iniciar o mural: desaparecera parte do material.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button