ConcellosO BarcoÚltima hora

Retírase da orde do día do pleno do Barco o punto no que o Concello ía delegar na Deputación a expropiación dos terreo para a senda verde do Sil

O alcalde facía esta proposta explicando que a Deputación, que xa enviou cartas a semana pasada aos afectados notificándolles o inicio do prazo de alegacións, lles indicou que o "procedemento había que facelo doutro xeito"

Sesión plenaria deste 5 de outubro no Barco.

 

A delegación do Concello do Barco á Deputación de Ourense para iniciar o proceso de expropiacións para construír un sendeiro e zona de esparexemento na marxe esquerda do río Sil era un dos puntos que figuraban na orde do día do pleno de outubro da Corporación barquense, celebrado nesta tarde. Ao pleno asistían algúns dos veciños afectados, que comezaban a recibir a finais da semana pasada cartas da Deputación (datadas o 25 de setembro), notificándolles o inicio do prazo de presentacións de alegacións (indicando que o proxecto técnico estaba exposto ao público no Pazo Provincial en Ourense), antes de que a delegación fose aprobada na Comisión municipal de Obras (onde se lle daba o visto bo o pasado 28 de setembro), e no pleno ao que chegaba neste 5 de outubro. Ademais o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba o 2 de outubro unha listaxe coas máis de 40 parcelas obxecto de expropiación.

Porén o alcalde, Alfredo García, propoñía que este asunto non se sometese a debate neste pleno, senón que se deixase sobre a mesa. “Non o imos someter a debate, porque levamos dende o martes traballando neste tema. Hai un cambio de acordo, por dicilo dalgunha maneira, a nivel técnico, incluso os técnicos da Deputación estiveron aquí onte pola mañá mirando os terreos e, por acordo dos técnicos xurídicos da Deputación, entenden que prefiren que desenvolvamos este proxecto doutro xeito. En vez de delegar xa a capacidade expropiatoria, prefiren que aprobemos o expediente no propio Concello do Barco. Teño que dicir que dende o mes de xaneiro, que teñen a documentación alí non nolo dixeron, que senón xa estaría feito. Tamén é certo que houbo que esperar a que Patrimonio informara defintivamente o plan. Entón van traballar os técnicos na preparación dos informes para traer a pleno a aprobación do proxecto e máis o parcelario e a relación de bens. Será unha aprobación inicial, todo iso se someterá á información pública por 15 días, e o Concello notificará aos interesados directamente para comunicarlles que, transcorrido o prazo de exposición pública, se hai alegacións, contestaranse, e se non hai alegacións volverá outra vez a pleno e aprobarase definitivamente. A partir de aí se remitirá á Deputación xa o proxecto aprobado e continuará o trámite para a súa execución”.

Ante isto a oposición plantexáballe varias preguntas ao rexedor. En primeiro lugar interviña o concelleiro do BNG, Jesús Vilasánchez, quen manifestaba a súa perplexidade ante a situación. “Nós non entendemos nada. Se isto o sacamos da orde do día que é o que imos votar. Os veciños din que non coñecían o expediente nin cales ían ser as expropiacións, nin nada e nós o que non acabamos de entender é como se nos pedía a nós que lle deramos a facultade expropiatoria á Deputación, cando xa ela estaba enviando cartas”. O alcalde respostaba que “a Deputación pensaba facelo dunha maneira e despois decidiron que non, que mellor o facíamos doutra, aínda que nos levara un pouco de máis tempo. Pero penso que non temos causado ningún prexuízo a ninguén a día de hoxe”.

 

 

Preguntado sobre os prazos iniciados tras a comunicación realizada aos afectados por parte da Deputación, Alfredo García aseguraba que “estes prazos que mandou a Deputación quedan sen efecto. Iso volverase a repetir por parte de Deputación, que o tomou con demasiado ímpetu, o cal non estaba mal, pero se todo isto nolo dixeran dende o primeiro día hoxe xa traíamos a aprobación do proxecto”. Neste senso, a edil nacionalista Noa Fernández preguntaba que “¿quen di que esas cartas quedan sen efecto, se é unha comunicación formal? A Deputación terá que mandar outra misiva ao cidadán para dicirlle que iso recibiuno por erro”. Pola súa banda, o rexedor aseguraba que lle trasladará esa dúbida á Deputación. “Penso que se precipitou, debería ter esperado a que hoxe aprobaramos a delegación de competencias no pleno”, dicía Alfredo García.

Pola súa banda, o concelleiro do PP Manuel Núñez, afirmaba que durante a comisión o rexedor aseguraba que “estaba practicamente todo o mundo de acordo coas expropiacións e que se tiña falado cos veciños, que faltaba por firmar moi pouca xente, entón vendéusenos unha cousa que non era certa, isto non é serio. O noso grupo é partidario dunha negociación cos veciños e de sentarse con eles”. Neste senso, Alfredo García indicaba que xa se tivera unha reunión na Casa Grande (celebrada hai case dous anos atrás), pero non foron todos “e en calquera caso se estiveran todos de acordo non habería que realizar unha expropiación”.

 

 

Ademais, Manuel Agra, concelleiro do BNG, pedíalle ao alcalde que se achegase información precisa sobre este proxecto á veciñanza, “deberíase informar moi ben dos proxectos aos veciños porque estamos falando dunha cuestión moi galega, que lle imos mover os marcos a moitísima xente, a ducias de persoas, e facelo sen explicarllo ben paréceme unha barbaridade. Tamén é importante que lle expliquemos á xente por que imos cortar moitas árbores á beira do río para este proxecto, hai que telo todo moi explicado”. Ante isto o rexedor indicaba que se vai explicar o proxecto e que se vai someter á exposición pública, “polo tanto os veciños van ter toda a información”.

Deseguido sometíase a votación retirar da orde do día este punto, algo que se aprobaba por unanimidade.

Artigos relacionados

Back to top button