En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

“Estamos orgullosísimos de traballar no HCV durante case 40 anos, o hospital sempre foi unha familia”

Así o destacaban os doutores Gómez Vidal e Dosouto e á enfermeira Mariló Lorenzo na cea-homenaxe pola súa xubilación coa asistencia dunhas 150 persoas

 

Despois de case catro décadas de traballo do Hospital Comarcal de Valdeorras, os doutores Eduardo Gómez Vidal, do Barco, e José María Dosouto, de Viloira, xunto á enfermeira petinesa Mariló Lorenzo despedíanse da súa profesión nunha emotiva e intensa cea-homenaxe celebrada na noite do 26 de abril no Pazo do Castro (O Barco). A celebración, que comezaba cun cóctel, congregaba a unhas 150 persoas, entre familia dos homenaxeados e profesionais sanitarios (algúns en activo, outros tamén xubilados e moitos chegados de fóra), e nela non faltaban nin os agasallos nin a música. “É unha boa despedida, moi gratificante, a verdade é que á resposta á cea foi incrible, non esperabamos que viñera tanta xente”, dicían os tres profesionais agora xa xubilados.

Deste xeito dicían adeus a unha longa etapa profesional, sempre ligada ao servizo de Urxencias e na que vían medrar e evolucionar ao Hospital de Valdeorras. “Non fomos digamos “os socios fundadores”, houbo profesionais que chegaron antes, algúns xa se xubilaron e outros permanecen aí, pero logo nós fomos a seguinte xeración e aí pasamos todos estes anos, uns anos marabillosos, fantásticos porque o hospital sempre foi unha familia e estamos orgullosísimos de traballar no comarcal e de atender aos pacientes das comarcas de Valdeorras, do Bolo, de Trives, encantadísimos porque nos trataron moi ben sempre e o noso traballo creo que foi recoñecido”, aseguran estes tres profesionais sanitarios.

 

 

Ao longo da súa experiencia no servizo de Urxencias vivían “momentos moi complicados, moi duros, pero tamén hai momentos felices”, comenta Mariló Lorenzo. “Pero, se tes un bo grupo como tiñamos nós, iso compénsao”, prosegue o doutor Dosouto. “Tiñamos que pasar dunha situación dramática a unha de alegría, andar cambiando o chip en poucos minutos, era así, había que poñer a coraza e facer de tripas corazón porque as cousas ás veces non saían co resultado que esperabas. Pero creo que, como norma, o traballo sempre se sacou para adiante en base ao esforzo de todos, en base ao esforzo dun equipo, porque urxencias é un equipo, dende o celador que está na entrada e o administrativo ou administrativa que recolle os datos do paciente ata a enfermeira e o médico, é toda unha cadea e esa cadea estaba ben engraxada e funcionaba perfectamente”, destaca o doutor Gómez Vidal.

 

 

Os tres destacan así mesmo á boa relación co resto dos compañeiros do hospital valdeorrés. “Urxencias é un servizo vinculado con todo o mundo. E como dicimos ás veces de broma, pero é verdade pasamos máis horas xuntos nós que na casa, ata 24 horas seguidas con algún compañeiro, e iso créache un vínculo. E esa foi a sorte que tivemos, que fomos sempre unha familia. De feito seguimos facendo as nosas ceas e iso tamén nos permitiu aguantar tanto tempo, senón probablemente non houberamos aguantado. No servizo nunca houbo clases, todos eramos iguais, respectándonos, pero era igual o celador, que o médico que a enfermeira, con moito respecto, pero eramos todos iguais, e iso é algo que levas dentro e a min particularmente gústame”, destaca o doutor Dosouto.

 

 

Agora inician unha nova etapa vital na que “deixamos de ser compañeiros de profesión para ser usuarios do hospital tamén” e, neste senso expresan un desexo: “esperemos que a atención no hospital comarcal siga sendo da calidade que foi durante todos estes anos. Nós agora pasamos ao outro lado, ao de ser usuarios dos servizos, pero esperemos que quen goberne todo iso leve ao hospital aos máximos nos que estivo”.

Fotos: Mónica G. Bellver/ Javier Brasa.

 

Artigos relacionados

Back to top button