DeportesÚltima hora

Uns 200 deportistas de toda España e Portugal participarán na 4ª marcha cicloturista pola Ribeira Sacra

Presentación da IV Ribeira Sacra Cycling Road.

 

Máis de 200 deportistas participarán o vindeiro domingo, 12 de maio, na 4ª edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra que conta co apoio da Deputación de Ourense, a través do Inorde, e da Axencia de Turismo de Galicia.

Esta proba súmase así a esa “estratexia que defendemos desde o goberno provincial de apostar por eventos que contribúan a promocionar os recursos turísticos do territorio a través do deporte”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, na presentación da proba que tiña lugar na praza do Concello do Pereiro de Aguiar. Tamén “promovemos o cicloturismo na nosa provincia, xa que presenta unhas condicións idóneas para esta disciplina deportiva”, explicou o presidente do Inorde, quen destacou o impacto positivo que ten no desenvolvemento económico e social dos territorios polos que transcorre a proba.

Na presentación tamén participou o xefe da área provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; o tenente de alcalde de Pereiro, Casiano Feijóo; os alcaldes de Parada de Sil e de Esgos, Aquilino Domínguez e Mario Rodríguez, respectivamente; os concelleiros do Pereiro de Aguiar, Fran González, Manuel Doval, Eliseo Fernández e María Gajardo; o concelleiro de Deportes de Esgos, Manuel Gil; o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto; o asesor comercial de Rodosa, José Ramón González; os membros da Garda Civil de Tráfico, Damián Novoa e Jorge Núñez; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.

 

 

Nesta cuarta edición participarán ao redor de 200 deportistas procedentes de diferentes provincias da xeografía española (Asturias, Santander, Galicia, País Vasco, León, Salamanca, Cáceres, Badaxoz, Valencia, Gran Canaria, Zamora), así como tamén de Portugal, que poderán coñecer un dos lugares máis icónicos da provincia de Ourense.

A saída será o domingo, 12 de maio, na localidade de Luíntra, en Nogueira de Ramuín, a partir das 9:30 horas, para posteriormente percorrer os territorios do Pereiro de Aguiar, Parada de Sil, A Teixeira, Xunqueira de Espadanedo e Esgos, onde os deportistas poderán deleitarse con diferentes paraxes pola Ribeira Sacra, sendo un lugar único para rodar en bicicleta.

Os cicloturistas poderán realizar o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros e de máis 2.600 metros de desnivel co alto de meda como punto de maior dificultade que será cronometrado entre todos os participantes; o medio fondo de 85 km e de máis de 2.000 metros de desnivel; ou o minifondo de 75 quilómetros cun desnivel de máis de 1.700 metros e exclusivo para bicicletas Gravel.

Artigos relacionados

Back to top button