CulturaCulturaÚltima hora

A pintura do barquense Díaz Ferrer poderá verse en Cangas, en maio

A mostra "Esencial" poderá visitarse entre o 10 e o 31 de maio na Sala de exposicións do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela

Obras de Díaz Ferrer incluídas na mostra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Supóne un percorrido polas oito décadas de produción do artista valdeorrés Jesús Díaz Ferrer (1922 O Barco-Concud, Teruel, 2017) no marco do centenario do seu nacemento. A exposición “Esencial”, que poderá verse na Sala de Exposicións do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas do 10 ao 31 de maio reúne debuxos, gravados e bosquexos, pero tamén unha serie de deseños da súa etapa como mestre colorista na factoría de tecidos Guggenheim & Sons en Zürich, en 1958.

Jesús Díaz Ferrer foi “un creador curioso e atrevido que pasou a súa vida completamente consagrado e entregado á arte. As súas obras compartiron espazo xunto ás de Matisse e Picasso e foron comercializadas nas casas de subastas máis prestixiosas de España. Esta exposición conmemora o centenario do seu nacemento”, destacan os promotores da exposición.

Esta mostra, organizada pola Concellería de Cultura do Concello do Barco e comisariada polo historiador da arte valdeorrés Luis Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”, está rotando por diferentes puntos de Galicia e poderá visitarse en Cangas de martes a sábado de 17h a 21h.

 

Artigos relacionados

Back to top button