OurenseÚltima hora

Tres equipos ourensáns gañan o desafío científico de Galiciencia

 

Ata mañá venres estase a celebrar Galiciencia no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema “Mellor, de Madeira”. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.

Na xornada de hoxe celebrouse a final do Desafío científico “Atrévete coa Madeira!”, no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online. Sumáronse a esta aventura un total de 240 equipos, 647 rapaces e rapazas de 34 centros educativos diferentes.

 

 

O gañador na categoría de Primaria foi o equipo “Los líderes”, integrado por Saleta, Mateo, Leo e Adriana, do Colexio Plurilingüe Maristas Santa María de Ourense. Idearon un xogo tipo Memory coas árbores como protagonistas, un xeito ameno de coñecer diferentes tipos de especies e as súas principais características, como a árbore máis lonxeva, a máis común en Galicia, a máis alta, a máis perigosa… “Para nós foi unha maneira moi divertida de aprender xogando”, manifestan os membros do equipo. Ademais, valorouse o feito de que para a realización do xogo empregaron materiais reciclados vencellados coa madeira como caixas de froitas.

 

Equipo “Los Líderes”.

 

Na categoría de 1º a 3º de Secundaria gañou o equipo “Madeiramakers”, formado por Rodrigo, Daniel e Manuel, do Colexio Santa Teresa de Jesús Carmelitas de Ourense. A súa proposta foi transmitir de xeito teatralizado a importancia da madeira e os seus usos. “Se non hai madeira non se poden facer moitas cousas. Queremos concienciar sobre o problema que representa a tala masiva de árbores porque se non hai árbores quedamos sen recursos fundamentais para todos nós”, salientan.

Na categoría de 4º de Secundaria a Bacharelato os vencedores foron “Micorrizas”, do que forman parte Simón, Uxía e Damián, do IES Aquis Querquernis de Bande. Propoñen facer hoteis para insectos e colocalos na contorna do seu instituto “para favorecer a biodiversidade e respectar aos animais que nos rodean como escaravellos, bolboretas, xoaniñas…”. Para iso empregan madeira reciclada e teñen en conta as necesidades específicas de cada especie e os seus ciclos vitais, froito dunha investigación previa realizada polo equipo.

 

Equipo “Madeiramakers”.

 

A rapazada coñece o futuro prometedor da madeira

O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar en tres talleres diferentes. Baixo o título “Deseña un soporte para o teu móbil”, a rapazada está a deseñar e construír con madeira un soporte para os seus teléfonos móbiles. Aínda que se trata dun obxecto moi sinxelo, é un xeito perfecto para aprender como funciona o proceso de deseño.

No taller “Tocar madeira”, realizado en colaboración co CIS-Madeira e coa empresa de Tecnópole Madera Plus, o alumnado está a experimentar con este material, construíndo unha ponte, comparando as propiedades da madeira segundo as diferentes especies de árbores, e mesmo visualizan o efecto das ondas sonoras neste magnífico material. Ademais, aprenden a ler as historias que contan as árbores a través dos seus aneis de crecemento e transmíteselles a idea de que a madeira ten unha longa historia e cultura asociada, pero tamén un futuro moi prometedor.

 

Equipo “Micorrizas”.

 

A través do taller “Máis madeira!”, a rapazada afonda na realidade da incerteza enerxética e a crise climática. Así, insístese no feito de que o modelo de crecemento rápido que propicie ganancias inmediatas e favoreza o consumo acelerado xa non é un modelo de progreso. E, no contexto de crecemento sostible, a madeira xoga un papel moi relevante.

Ademais, a rapazada de Secundaria e Bacharelato que expón os seus proxectos na feira está a participar no taller “A aventura de voar”, que se desenvolve na Aula Newton Galicia instalada en Tecnópole. O obxectivo é que teñan a oportunidade de descubrir o mundo da navegación aérea utilizando simuladores de voo profesionais.

 

 

 

A madeira, protagonista do espectáculo de ciencia

Esta mañá celebrouse un novo espectáculo científico. O propósito desta experiencia é que os máis novos descubran que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos, intentando provocar na rapazada unha reflexión sobre a súa importancia. Baixo o título “Descubrindo a Madeira”, os participantes puideron comprobar como, desde as súas orixes, a humanidade empregou a madeira para todo tipo de usos, desde quentarse ata a fabricación de ferramentas ou construcións. No transcurso do espectáculo, afondouse no fascinante mundo da madeira como un material moi descoñecido, con múltiples posibilidades e aplicacións, xunto ao seu elevado valor ecolóxico.

Mañá venres remata Galiciencia coa entrega de premios aos mellores proxectos.

Artigos relacionados

Back to top button