ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

San Xoán de Río, entre os 16 proxectos europeos seleccionados para avanzar na transición verde

 

O proxecto de San Xoán de Río para avanzar na transición enerxética no rural foi un dos 16 seleccionados entre as 42 candidaturas presentadas á terceira convocatoria do programa europeo de asistencia técnica C4T Groundwork. O alcalde, Xosé Miguel Pérez, representou ao Concello no foro Cohesion4Transitions, que se celebrou o martes e o mércores, 24 e 25 de novembro, na cidade italiana de Cagliari.

Co apoio dun equipo de especialistas, o Concello elaborará unha folla de ruta para identificar e priorizar investimentos en enerxías renovables, eficiencia enerxética e almacenamento. O traballo terá en conta as características de San Xoán de Río, un municipio de montaña con núcleos de poboación dispersos, e analizará as vías de financiamento e a coordinación necesaria para poñer en marcha os proxectos. A proposta aspira a mudar a realidade enerxética de San Xoán de Río e a servir de referencia para outros concellos rurais de Galicia.

O foro de Cagliari reuniu durante as dúas xornadas a representantes de administracións locais e rexionais para compartir experiencias sobre a adaptación ao cambio climático e o uso dos fondos europeos de cohesión para impulsar investimentos. A Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea organizou o encontro en colaboración con entidades de Cerdeña.

A xornada do martes abriuse ás 10.00 horas coa intervención de representantes da rexión anfitrioa e da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea. A continuación, a Cidade Metropolitana de Cagliari expuxo os seus principais retos de adaptación ao cambio climático. A mañá completouse con dous paneis sobre o uso de solucións baseadas na natureza fronte a riscos como as secas, as inundacións ou os incendios e sobre o papel dos fondos de cohesión nos investimentos para mellorar a xestión da auga.

 

 

Pola tarde, Xosé Miguel Pérez visitou a plataforma de enerxías renovables de Sardegna Ricerche. O centro dispón dunha microrrede eléctrica apoiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e de instalacións piloto nas que se proban tecnoloxías en condicións reais. A visita permitiu coñecer como se poden integrar a produción, o almacenamento e o consumo de enerxía renovable, tres aspectos que tamén se abordarán na folla de ruta municipal.

O mércores, a secretaría de C4T abriu a xornada cunha sesión de benvida. A continuación, representantes de distintas rexións intercambiaron experiencias e solucións nun obradoiro participativo organizado por grupos temáticos. Ao mediodía, os grupos de traballo do programa puxeron en común os avances das súas iniciativas.

Nesa mesma xornada, o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, reuniuse con Miguel Ángel Mejías Arroyo, xefe do Servizo de Planificación Estratéxica, Desenvolvemento Local e Transparencia do Ayuntamiento de Huelva. O encontro permitiulle coñecer de primeira man a experiencia do consistorio onubense, seleccionado nunha convocatoria anterior de C4T Groundwork, na preparación de proxectos de transición verde co apoio do programa europeo. huelvainformacion.es

Para San Xoán de Río, a selección supuxo acceder a apoio especializado para preparar proxectos enerxéticos que respondan ás necesidades da veciñanza e identificar vías para financialos. A participación no foro de Cerdeña deulle, ademais, visibilidade en Europa ao municipio como referente dunha maneira de facer política desde a administración local rural, comprometida co territorio e centrada en dar respostas concretas aos retos da veciñanza.

 

 

Back to top button